21 de maio de 2024

Cando as árbores non deixan ver a fraga

Na xuntanza do día 20, a patronal fixo unha nova proposta salarial que se resume no seguinte:

  • Prazo de vixencia do convenio: tres anos, 2024, 2025 e 2026 (até agora sempre falaron de catro anos).
  • Incremento salarial: 10 % na vixencia do convenio, pendente de determinar a súa distribución anual (a proposta anterior era un 11 % en catro anos).
  • Revisión salarial en función do IPC: ofrecen un 2 % a aplicar cando finalice a vixencia do convenio (isto non variou). É dicir, se durante a vixencia do convenio o IPC supera a suba salarial pactada, á súa finalización (con efectos 1 de xaneiro de 2027) repercutirá esa diferenza en táboas, pero cun máximo do 2 %Se o IPC sube máis seguiremos perdendo.
  • Garantía salarial (termo aplicado pola patronal): aquelas persoas que cobran un salario por riba do que establece o convenio (materializado en complementos asignados discrecionalmente polas empresas e recollido en acordos individuais), terán garantida unha suba mínima de convenio durante o primeiro ano de vixencia do mesmo. Esa suba será igual a un 50 % da contía que lles corresponda de suba, para ese primeiro ano, sobre conceptos de convenio segundo o seu nivel salarial.

Ante esta proposta, dende a CIG recordamos na mesa que a patronal, e boa parte da representación sindical con presencia nela, xa se esqueceron da perda salarial dos últimos convenios e non contemplan a súa recuperación, nin sequera en parte. Así mesmo, salientamos os datos do IPC do mes de abril (un 3,3 % no Estado español e un 3,7 % en ), co que a proposta salarial da patronal xa é claramente insuficiente de partida.

A Loita debe Continuar

A mesa do convenio está perdendo a perspectiva do que é verdadeiramente importante: en tempos de bonanza económica para os bancos, hai que recuperar o poder adquisitivo perdido e mantelo a futuro.

A patronal aproveita o despiste para levar a negociación ao seu terreo, ofrecendo, a cambio dunha suba salarial escasa, unha esmola en forma do que eles chaman garantía salarial para os salarios que están por riba de convenio, referendando así o seu modelo salarial que ten un único obxectivo: implantar no sector a negociación salarial individual.

Con este escenario, a banca seguirá gañando e as traballadoras e traballadores perdendo.

Non podemos esquecer o que é verdadeiramente importante nesta negociación. Debemos loitar por unha suba de salarios de convenio xusta.

O único salario certo é o de convenio!




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   http://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       http://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Convenio Galego Xa!
Comunicado 240521 [.pdf · 178 kB]



Ningún comentario: