Na reunión do martes 19, a patronal non concretou ningunha proposta. Pero comprometeuse a presentar unha oferta o próximo xoves que inclúa elevar a proposta salarial, buscar unha fórmula de preservar nalgunha medida as repercusións do IPC, e estudar unha variación na aplicación da cláusula de compensación para algún colectivo; en definitiva, un esquema similar ao acordado en CECA a semana pasada.
Desde a CIG insistimos en que a nosa premisa é que este convenio debe marcar un punto de inflexión a favor dos cadros de persoal, recoñecendo os sacrificios das traballadoras e traballadores do sector na última década. Para iso ten que mellorar substancialmente o aspecto salarial e as condicións de traballo.
O persoal mobilizámonos para recuperar salarios, pero tamén para denunciar o acoso, a presión comercial e a carga de traballo que soportamos no noso día a día. Esa é a realidade do sector.
Desde a CIG pulamos porque as subas salariais se negocien en convenio; non recoñecemos as supostas melloras discrecionais unilaterais dos bancos.
O martes 19 na mesa de convenio pedímoslle á patronal que nos facilite información sobre o impacto que ten a aplicación da cláusula de compensación e absorción nos cadros de persoal. Esa cláusula recae sobre complementos discrecionais que son opacos, e que están asociados a postos e funcións moi concretas, sendo os niveis máis altos (masculinizados) os que reciben maiores importes por eses conceptos.
Reclamamos que AEB facilite na mesa datos por entidades e a nivel sectorial, segregando por xénero, sobre estas retribucións non reguladas en convenio.
Queremos subas negociadas en convenio, que son transparentes e responden a criterios obxectivos e menos discrecionais, xa que estes últimos só contribúen a incrementar a fenda salarial.
Non podemos permitir que esas subas discrecionais se utilicen como argumento de maior custo en detrimento das subas de convenio.
A próxima xuntanza da mesa será o xoves 21 de marzo.
Loitamos por un convenio xusto, para recuperar e manter o poder adquisitivo, para acabar coa presión e acoso comercial e para reducir a carga de traballo.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
http://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
http://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario