Vivimos en realidades paralelas. A patronal considera que non hai perda de poder adquisitivo, e pon o contador a cero desde o 1 de xaneiro de 2024.
Na última xuntanza, o pasado 14 de decembro, a patronal AEB fixo unha proposta de convenio que non contempla a recuperación do poder adquisitivo perdido nos últimos anos e afonda na perda de dereitos e salarios a futuro.
SALARIOS: 7 % de incremento salarial a repartir en catro anos, sen cláusula de garantía salarial referenciada o IPC, e aplicando a de compensación e absorción. A suba que propoñen é un 2,25 % para os anos 2024 e 2025, e un 1,25 % para os anos 2026 e 2027.
MOBILIDADE XEOGRÁFICA: ampliar de 25 a 50 km. O incremento da mobilidade facilita aos bancos unha ferramenta de presión e castigo, ao tempo que incide negativamente no salario do persoal, xa que os custes desa mobilidade son asumidos polos traballadores e traballadoras.
ANTIGÜIDADE: Consideran que é un concepto salarial obsoleto que hai que suprimir. No caso de aceptar a súa eliminación, revisarían a súa proposta de suba salarial, que en ningún caso contemplaría a cláusula de garantía salarial nin a eliminación da compensación/absorción.
A CIG xa manifestou na mesa de negociación que se trata dunha proposta inaceptable, non imos asumir a perda de máis dereitos e, nun contexto de beneficios récord no sector, seguiremos reclamando a recuperación do poder adquisitivo perdido e subas salariais que garantan o seu mantemento a futuro.
Presentamos unha proposta de salarios centrada nesa recuperación, cunha paga lineal equivalente o 15 % do salario medio de convenio, nin compensable nin absorbible. Paga a consolidar en táboas.
Un incremento salarial anual do IPC +5 %, para os próximos tres anos, cun mínimo do 5 %, afectando a todos os conceptos de convenio sen exclusión.
Supresión da cláusula de compensación e absorción, xa que a súa aplicación non recoñece as responsabilidades asumidas e o esforzo realizado, tanto no desempeño das funcións como na continua actualización da capacitación para ese desempeño.
A proposta da patronal require dunha resposta firme e contundente por parte do conxunto das traballadoras e traballadores do sector. Se non desisten das súas pretensións, a mobilización é a resposta, que xa iniciamos o pasado día 15, chegando á folga se é necesario. Está nas mans de todas e todos cambiar o rumbo que queren marcar.
É o momento de RECUPERAR o que perdemos, non de seguir perdendo dereitos
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
http://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
http://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario