O Convenio nº 190 da OIT (Organización Internacional do Traballo) converteuse no primeiro Tratado Internacional que recoñece o dereito de toda persoa traballadora a desenvolver a súa actividade libre de violencia e acoso, incluíndo de xeito expreso a violencia e o acoso por razón de xénero. Este Convenio, xa ratificado polo Estado español, será de obrigado cumprimento para todas as empresas a partir de xuño de 2023, reforzando a obriga, introducida pola lei de Igualdade de 2007, de contar en todas as empresas con procedementos específicos para a prevención e actuación ante o acoso e incorporando aos mesmos todo tipo de violencias.
A nosa organización sindical leva décadas traballando activamente para mellorar a protección ante este tipo de situacións nas empresas, contando cun protocolo que, alén do acoso sexual e por razón que sexa, amplía a protección a múltiples situacións discriminatorias das que somos vítimas nos centros de traballo.
Durante este tempo, atopámonos moitos atrancos para levalo á practica porque o acoso está normalizado como mecanismo coercitivo utilizado para controlar, influír ou afectar ao emprego, a carreira profesional ou a situación dunha persoa. Ou o que é o mesmo, para conseguir, mediante un entorno intimidatorio, degradante ou ofensivo, que a persoa acosada acceda ás pretensións de quen a agrede.
As responsabilidades familiares, a idade, o sexo ou expresión afectiva, a nacionalidade, a cor da pel, a diversidade funcional, a precariedade laboral, entre outros factores, son determinantes á hora de incrementar a posibilidade de ser obxectivo de situacións de violancia no traballo.
No caso das mulleres, todos este factores reunidos multiplican exponencialmente o risco, sendo unha das causas máis frecuentes de incapacidade temporal e mesmo do abandono do posto de traballo.
Mais a pesar da vixencia dunha lexislación dirixida a protexer os dereitos das mulleres, o certo é que os protocolos fican en papel mollado e non existe unha verdadeira cultura de tolerancia cero co maltrato, sancións exemplarizantes contra o acoso e outras situacións de violencia no traballo. Máis ben, segue vixente unha cultura patriarcal que pon en dúbida a palabra da vítima, que cuestiona o seu comportamento, que fiscaliza a súa profesionalidade, e resta importancia á situación vivida. Como co resto de agresións machistas, a denuncia vai en demasiadas ocasións acompañada dun xuízo paralelo onde as mulleres teñen que demostrar que o seu relato é certo, que a agresión sexual, o acoso psicolóxico, a minusvalorización do seu traballo, a situación de illamento, a rebaixa de funcións, a sobrecarga de traballo, os insultos, as faltas de respecto, a difamación, a chantaxe, non son un invento da traballadora, senón unha vulneración dos seus dereitos máis elementais.
A violencia machista está vinculada a normas de xénero desiguais e a estruturas de poder socioeconómico, tanto no ámbito público como no privado, que contribúen a reforzar e perpetuar a desigualdade de xénero. Só coa presión das mulleres, do feminismo de clase, de organizacións sindicais como a CIG estaremos en condicións de combater esta forma de violencia exercida no traballo: presentando propostas, solicitando información sobre o seu uso, facendo seguimento e denunciando a inaplicación dos procolos e a responsabilidade manifesta das empresas que exercen e consenten a violencia contra as mulleres nos lugares de traballo.
Por iso diriximos esta campaña a toda a afiliación que pode estar exposta ou ser coñecedora dunha situación de acoso ou violencia no traballo, para que acuda ao sindicato a asesorarse sobre como combater esta situación. Porque detectar, previr, actuar contra a violencia e o acoso no traballo é responsabilidade da empresa.
Temos convocada unha manifestación o 25 de novembro ás 12 horas na Coruña, e facemos un chamamento a participar nas concentracións convocadas polo movemento feminista galego durante a xornada do 25N.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario