Negociación XXIV Convenio Colectivo AEB
O pasado venres 12 de xuño retomamos a mesa de negociación do Convenio, de xeito telemático. O obxectivo prioritario, dada a situación da negociación no momento da súa interrupción, é establecer unha nova prórroga da ultraactividade, xa que a actual vence o próximo 30 de xuño e, co parón provocado pola crise sanitaria, non é suficiente o prazo establecido en decembro pasado.
A proposta da CIG foi establecer unha prórroga «sine die» que permita unha negociación equilibrada na actual situación ou, no seu defecto, como mínimo ata o 31 de decembro de 2020 revisable.
AEB respondeu a esta proposta, dicindo que non é posible unha indefinición porque corremos o risco de acomodarnos e non avanzar na negociación (máis ben a súa pretensión é utilizar como medida de presión esta limitación temporal na procura dun acordo beneficioso para a patronal), propoñendo como data posible o 31 de outubro, aberta a posible ampliación de ser necesario en función das circunstancias. Concretarán a súa posición na próxima xuntanza.
Volveron lembrarnos as súas propostas para este convenio que, en liñas xerais, supoñen baleirar de contido o Convenio e continuar a recortar dereitos:
- Manteñen a pretensión de flexibilidade total para establecer horarios, suprimindo as limitacións actuais do artigo 27.3 de CCB, e non aceptan a supresión do artigo 27.4, demandada polas representacións sindicais.
- Supresión da antigüidade, conxelando os trienios alcanzados para as persoas actualmente en activo.
- Ningunha suba salarial para 2019 e 2020, condicionando calquera suba para 2021 e 2022 a acordos sobre propostas como a supresión da antigüidade e resto de materias.
- Traslados, incrementar o límite actual que non ten a consideración como tal de 25 a 50 quilómetros.
- Suprimir duplicidades recollidas no convenio que xa figuran nas normas laborais de carácter xeral, eliminando así a posibilidade de recoller no propio convenio melloras con respecto a esas normas.
- Endurecer o réxime disciplinario, coa inclusión de novas faltas e modificación de clasificación e sancións.
Non podemos permitir que coa escusa da limitación temporal ou das restricións sanitarias, a patronal pretenda, máis que nunca, tirar proveito da situación. Se o persoal das entidades dá de si o mellor cada día, fronte a calquera circunstancia, todo ese esforzo debe ser recompensado. Plantarémoslle cara! A próxima reunión está fixada para o día 29 de xuño. Seguiremos informando.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario