13 de marzo de 2020

Intervención da CIG 
Xunta xeral de accionistas 2020

Quenda de intervencións Xunta Xeral de Accionistas BBVA 2020

Velaquí tedes o contido da nosa intervención na pasada xeral de accionistas do BBVA · 2020


Señoras e Señores accionistas, membros do Consello de Administración, Sr. Presidente, bo día, egun on, buenos días.

O meu nome é Xosé Miguel Fernández, son traballador e accionista da Entidade e fálolles en nome da Confederación Intersindical Galega (CIG), primeira forza sindical en Galiza e tamén no BBVA, ao tempo que no de numerosas compañeiras e compañeiros que delegaron en min o seu voto e así poder ser tamén a súa voz neste foro.

Non estou aquí posto pola anterior Dirección do Banco. Estou aquí, grazas ao apoio das traballadoras e traballadores da Entidade, persoas que nos mantemos a nós mesmas e ás nosas familias honradamente co noso traballo. E que, ademais, temos depositados os nosos aforros na mesma Entidade como accionistas.

Somos pois, por partida tripla, persoas interesadas en que o BBVA sexa xestionado de forma honesta, sen que ninguén poida ter ningún xénero de dúbidas sobre o cumprimento estrito da Lei e a máxima colaboración coa xustiza; que sexa un banco rendible, como garantía de emprego e en beneficio do accionariado; un banco con políticas comerciais respectuosas co cadro de persoal e coa clientela, xa que é ela quen nos dá de comer.

Hoxe rompemos o noso silencio. A Dirección da Entidade solicitounos que mentres o procedemento xudicial estivese baixo secreto de sumario, non manifestásemos as nosas críticas con quen non podía defenderse. E así o fixemos, por responsabilidade.

Pero tamén por responsabilidade intervimos nesta Xunta de Accionistas.
Porque o BBVA non era Francisco González nin os seus amiguetes, nin o é a actual Dirección, nin as futuras. O Banco somos as traballadoras e traballadores, o conxunto de accionistas e a clientela. A nosa fidelidade é con elas e eles; non para quen non actuou coa dilixencia debida ante un escándalo que arrastrou o bo nome da Entidade e que, a día de hoxe mantén privilexios a favor do anterior Presidente, a quen nós non lle debemos nada.

Pero, lamentablemente, dende a actual Dirección manteñen vellas costumes do pasado; como é ter a toda a rede comercial baixo presión para conseguir a delegación do voto ao seu favor nesta Xunta, o principal obxectivo comercial dende que foi convocada, coa escusa dun obsequio á/ao accionista.

Así, dese modo, non terán problemas para aprobar os distintos puntos da Orde do Día, incluídas as pouco éticas retribucións variables para un colectivo de 339 persoas privilexiadas (punto 3 da orde do día, ao que dende logo nos opoñemos). Sen ningún pudor, seguen aumentando os seus salarios ao tempo que recortandoos da maioría do persoal, que é quen realmente xera os beneficios, eliminando ou reducindo as súas retribucións variables condicionándoas a uns obxectivos comerciais crecentes, imposibles de cumprir.

As achegas ao Fondo de Pensións do cadro de persoal levan décadas conxeladas, 540'91 /ano para a maioría, as máis baixas do sector; 12 anos sen que se actualicen os Beneficios Sociais. Un Plan de Igualdade, vencido dende 2010… Pero «o seu», ano tras ano e pase o que pase, «os seus números» sempre saen e sempre á alza.

Só pedimos un trato xusto para o persoal, esgotado ata a saciedade de presións desmesuradas e inxustificadas por uns obxectivos imposibles de alcanzar. Un persoal acosado por rankings, semáforos, por continuos e numerosos reportes, polo Pool de Baixo Desempeño, por constantes Plans de Seguimento… e, este ano, cunhas valoracións máis arbitrarias e inxustas que nunca, dividindo ao persoal e «descualificando» como BOTTOM a moitas compañeiras e compañeiros só porque toca, non porque o merezan.

E non só llo dicimos dende este sindicato. Recentemente, o Organismo Estatal da Inspección de Traballo requiriu ao BBVA ante a «falta de avaliación de riscos psicosociais nas situacións forzosamente estresantes de Seguimento ou Pool de baixo desempeño». Isto non é casual. Quen non respecta a profesionalidade do persoal e o presiona ata a extenuación para que coloque produtos financeiros, tampouco ten unha política comercial sostible e respectuosa coa clientela. Aos sucesivos escándalos derivados de sentenzas xudiciais pola colocación de produtos e cláusulas referímonos.

Especialmente discriminadas continúan as mulleres no BBVA, cun salario medio inferior en máis dun 30% ao dos homes (30% menos de salario por ser muller no BBVA!!!). Nesta Entidade non hai un teito de cristal para as mulleres, o teito é de formigón, perfectamente visible en postos de dirección de oficina para arriba, non chegando as mulleres nin ao 25% deses postos nos niveis máis altos.

No BBVA hai compañeiras ás que non lles autorizan reducións de xornada para o coidado das súas fillas e fillos se non «aceptan» cambios nas súas xornadas que lles implican ampliacións das mesmas e ás que non lles queda máis remedio que acudir aos tribunais para que se lles recoñezan. Unha coacción en toda regra que aquí denunciamos.

Esperamos que a próxima negociación do Plan de Igualdade, tantas veces reclamado por este Sindicato, permita desterrar este tipo de actuacións, que si queremos que formen parte do pasado.

Sr. Torres, Sras. e Sres. membros do Consello, se realmente queren convencernos dunha ruptura real coas vellas políticas, se queremos falar de sostibilidade real para esta Entidade… Todo iso pasa por un profundo cambio nas políticas de xestión do persoal, por un compromiso e respecto aos traballadores e traballadoras que implique unha mellora significativa do clima laboral desta empresa, con Persoas que si teñen demostrado e seguen demostrando unha ética profunda e uns valores que o seu traballo cotián lles esixen.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 200310 [.pdf • 127 kB]




Ligazón relacionada:

Respostas do Presidente de BBVA ás intervencións dos accionistas:  [.mp4 · 141 MB]


Ningún comentario: