22 de novembro de 2019

A precarización do traballo dos coidados é Violencia Machista

25N

Todas as persoas necesitamos e necesitaremos coidados nalgún momento. A nosa vida non sería viábel sen que alguén se fixese cargo de nós, ou sen que alguén nos coidase e nos protexese. Porque as persoas precisamos de coidados durante o proceso de crecemento, máis tamén durante as enfermidades, as dicapacidades que poidan xurdir, o proceso de envellecemento e finalmente na morte.

Por ese motivo, o estado ten a obriga e o deber de asumir con urxencia a necesidade de socializar o coidado, recoñecéndoo como un dereito universal para todas as persoas, e rematando coa inercia social de que este dependa exclusivamente da familia e, en concreto, nas mulleres. Os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorada e con escasas retribucións. Especialmente se temos en conta o envellecemento poboacional que deriva directamente na extensión de enfermidades crónicas e polo tanto na necesidade de coidados durante unha porción maior da vida.

O sistema capitalista acentúa a división sexual dos traballos e o mantementos dos coidados na esfera privada, ocultando o valor social e económico a este tipo de tarefas. Pretende conseguir maiores ganancias con menos custos, invisibilizando e desvalorizando os traballos dos coidados, aforra directamente facerse cargo destes, contribuíndo á acumulación da riqueza.

Mais o traballo de coidados é imprescindíbel para o sostén da vida. É un traballo invisibilizado, que non se recoñece, nin se valora. As mulleres son as que realizan o traballo de coidados, tanto de balde, na gran maioría dos fogares, a través da economía somerxida, ou ben a nivel asalariado nas empresas que se ocupan destes. Están sobrerrepresentadas en empregos relacionados co traballo no fogar, a limpeza, a saúde, os servizos sociais e de atención á dependencia. Perciben baixos salarios, traballan en situación de vulnerabilidade, desprotexidas tanto na súa vida laboral, como á hora de acceder a pensións, sendo estas de contía mísera. E polo tanto, teñen un risco de exposición á violencia maior.

E neste círculo explotador, as administracións xogan un papel determinante. Tanto a Xunta de Galiza como os concellos son cómplices desta situación de precariedade, situación que se agrava cando se lles adxudica o servizo a empresas:

  • A subestimación do traballo que desenvolven vai parella a unha falta de investimento no sistema de vixilancia da saúde (non se lles facilitan equipos de prevención de riscos que axuden a manipular as cargas ás que están sometidas para realizar cambios posturais, aseos, vestimenta, desprazamento das persoas usuarias, non existe a prevención de riscos psicosociais, etc.)
  • Nun país cun rural avellentado, disperso xeograficamente, non lle é contabilizado o tempo entre xornadas, son obrigadas a asumir tanto o custo dos desprazamentos aos domicilios nos que teñen que desenvolver o seu traballo, como o das chamadas de teléfono realizadas desde o seu teléfono particular, usado como ferramenta de traballo.
  • Non se lles recoñecen as enfermidades e accidentes profesionais causados polos continuos esforzos físicos que realizan.
  • Malia estaren contratadas moitas delas a tempo parcial, fan horas extras que non perciben.
  • Móvenlles as xornadas a diario, sen que xeren dereito a vacacións nin se lles pague a antigüidade.
  • Este tipo de servizos son utilizados electoralmente como servizos «á carta». Ao non haber unha delimitación clara das tarefas que teñen que desenvolver, multiplícanse os abusos, obrigándoas a desenvolver un traballo non cualificado ou para o que non están contratadas (por exemplo, tarefas de limpeza en infravivendas que inclúen desparasitación, limpeza e recados para a familia da persoa usuaria que non teñen que realizar…).
  • Son obxecto de acoso, maltratos físicos, psicolóxicos, e agresións sexuais.


É preciso poñer fin a esta violencia institucional. Por isto desde a CIG esiximos:


  • A integración no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar de todo o persoal que traballe nos servizos de axuda no fogar, universalizando a atención á dependencia con servizos sociais de axuda a domicilio, centros de día e residencias de carácter público.
  • Recoñecemento pleno dos dereitos laborais e protección social para as traballadoras do fogar e de coidados no Estatuto dos e das Traballadoras e a súa integración completa no Réxime da Seguridade Social.
  • Slarios dignos e adecuados ao grao de responsabilidade que esixe o traballo de coidados.
  • Accións formativas específicas para o desempeño dos postos, garantindo o cumprimento da lei de prevención de riscos laborais, recoñecendo as enfermidades profesionais e accidentes de traballo, establecendo medidas preventivas e protocolos de actuación ante o acoso e os riscos psicosociais derivados da actividade.

En definitiva, unha revalorización sociolaboral do traballo de coidados.

É a nosa obriga sinalar o Estado e a Xunta de Galiza como culpábeis da precarización de milleiros de mulleres que traballan no sector dos coidados, sexa mediante unha xestión directa por parte da administración pública, ou privatizados por empresas que as escravizan. Acusamos directamente a todo un sistema que baixo o eufemismo do benestar, violenta deliberadamente a miles de mulleres no país, dun sistema que converte a miseria de moitas en cartos para uns poucos, que non fai máis que espallar a fustración das persoas ás que van dirixidos os servizos e escraviza as mulleres que neles traballan. Miles de mulleres que son silenciadas, vítimas dunha violencia sistémica, tolerada pola sociedade.

Non á nosa conta! As mulleres coidadoras somos a cara invisíbel da explotación machista e da violencia institucional! Participa connosco nas mobilizacións que temos convocadas na túa comarca durante a mañá do 25 de novembro!

A precariedade do traballo dos coidados é VIOLENCIA MACHISTA!



Ligazóns relacionadas:

Xornal Avantar:
Portal da Secretaría Confederal das Mulleres da CIG



➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Diptico 25N · 2019 [.pdf • 2'3 MB]
 


Ningún comentario: