Negociación XXIV Convenio Colectivo AEB
O pasado día 16 de outubro tivo lugar a duodécima xuntanza da negociación do Convenio Colectivo de Banca. A patronal presentou as súas pretensións en materia de Xornada e Conciliación e Igualdade, comprometéndose a facilitar por escrito unha concreción das súas propostas.
- XORNADA
-
A proposta da patronal pasa por unha desregulación total de horarios, mudando artigos que actualmente limitan a posibilidade de modificar os horarios establecidos en convenio en función das necesidades da empresa (art.27.3 ou art. 27.4 CCB). Pretenden acabar cun dereito histórico na Banca como é o horario continuado. E se a isto lle engadimos que o modelo de rexistro de xornada que pretenden implantar é autodeclarativo e recolle supostos nos que non é preceptivo rexistrar a xornada (algo que contradí a Lei), que é un modelo que permitirá perpetuar as prolongacións de xornada e as horas extras non cobradas nin cotizadas, podemos afirmar que con estas premisas o sector continuará afondando na súa precarización. Continuará a organización do traballo no sector tal e como está deseñada hoxe, onde a xornada diaria se adapta a carga de traballo e non ao revés, como debería ser.
- CONCILIACIÓN
- As propostas da AEB nesta materia pasan por modificar medidas recollidas actualmente no convenio, unicamente para dificultar o acceso as mesmas.
Dende a CIG fixemos propostas en materia de xornada que amplían os dereitos xa recollidos, propoñendo aumento dos días de vacacións, días de licenza, e redución da xornada máxima anual de convenio para que se corresponda co horario que se realiza, e que as horas extras, de existir, computen desde o momento en que se supera a xornada diaria, entre outras cuestións. Defendemos un modelo de rexistro de xornada automático, fiábel e obxectivo, que cumpra coa súa finalidade: rematar coas prolongacións de xornada e as horas extras non cobradas nin cotizadas.
En materia de conciliación e igualdade, manifestamos que para a CIG, a prioridade deste Convenio debería ser acabar coa discriminación indirecta que sofren as mulleres. Actualmente no sector é un feito xeneralizado: os postos de dirección de oficina cara arriba seguen a estar ocupados maioritariamente por homes, e os inferiores á dirección (xestión comercial…) son asignados a mulleres especialmente. Na práctica as funcións son as mesmas, as mulleres e homes do sector financeiro teñen obxectivos comerciais en igual medida e a formación regulatoria que require o seu posto é idéntica. Polo tanto, a IGUAL TRABALLO, IGUAL SALARIO.
Tamén propuxemos medidas concretas que contribúan a mellorar a corresponsabilidade, como son a ampliación de permisos por nacemento, e corrixan situacións discriminatorias, como sucede no caso das familias monoparentais e monomarentais.
A próxima reunión esta convocada para o día 30 de outubro. Seguiremos informando.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario