6 de maio de 2019

Dez pasos para o avance do galego

Actualmente o noso idioma corre o risco de ficar excluído como lingua habitual entre a poboación máis nova e no ámbito urbano. Esta é a demostración de que as políticas aplicadas no período autonómico actuaron de forma contraria á normalización da lingua. Como exemplo recente cabe sinalar a imposición do Decreto de Plurilingüismo, que limitou a xa escasa presenza do galego no ensino, un campo de acción imprescindíbel para conseguirmos a familiarización e/ou a fidelización da infancia e mocidade co galego. Fronte a estas políticas lingüicidas, úrxenos tomar a iniciativa e contribuírmos a que o noso idioma teña futuro, facermos posíbel o desfrute do privilexio de termos unha lingua milenaria e capaz de servir de canle de expresión para as necesidades da sociedade actual. Todas as persoas que —tanto as que falan como as que aínda non deron o paso; as que se expresan a diario en galego e as que fan uso ocasional da lingua— podemos levar adiante algunhas ou todas as iniciativas que nomeamos a continuación. Poñámonos xa a camiñar con pasos firmes para acadar a meta, que o galego viva «mil primaveras máis».




1

A mellor defensa da lingua é o seu uso en todos os ámbitos, falemos galego na casa, nas actividades de lecer, no traballo, no consumo…

2

Falármoslles no noso idioma ás crianzas con naturalidade é a forma de lles ensinar que o galego forma parte da vida diaria e non é unha lingua estranxeira para practicaren na escola.

3

Reparemos en que expresarnos en galego con persoas descoñecidas, mesmo se nos responden en castelán, cando comprobamos que nos entenden, non é mostra de desconsideración.

4

Escollamos a opción de galego no noso móbil, no caixeiro automático, nas redes sociaisetc.

5

Fagamos valer o dereito a que se nos dea atención en galego na comunicación coas administracións, tanto oralmente como por escrito.

6

É importante que levemos tamén o galego ao traballo. Teñamos en conta que os convenios poden e deben estar escritos en galego e contemplaren medidas para promover o uso do noso idioma na empresa. Os Comités deben velar para que as actas e as comunicacións se fagan en galego e, en xeral, interesárense polo respecto aos dereitos lingüísticos.

7

Se participamos en asociacións deportivas, culturais, veciñais, de nais e pais… propoñamos que se utilice o galego nas actividades, anuncios, actas etc.

8

Anímemonos a galeguizar o noso nome e recuperar a forma galega dos apelidos que foron castelanizados. A día de hoxe, podemos doadamente restituír a forma galega solicitándoo no Rexistro Civil.

9

Reclamemos atención en galego por parte das empresas que nos ofrecen os seus servizos e produtos, propiciando así fixar postos de traballo no País.

10

Elixamos produtos etiquetados en galego e contribuiremos así a un tempo á promoción do noso idioma e ao desenvolvemento da nosa economía.
Igualmente, apoiemos a cultura e os medios de comunicación que empregen o galego, pois só co noso interese os faremos posíbeis.


A fala
Manuel María

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixamos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!



Fala Galego, antes, agora e despois! (Carrabouxo)



➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Díptico Dez pasos polo galego!!! [.pdf • 152 kB]


Ningún comentario: