O 13 de decembro tivo lugar unha reunión na que a CIG pediu a posta en marcha inmediata da modificación legal para que o rexistro de xornada sexa obrigatorio para as empresas. Reivindicou tamén á derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións.
A iniciativa legal da CIG para que o rexistro da xornada sexa obrigatorio pode converterse nunha realidade, trátase dunha necesidade para facer fronte á FRAUDE empresarial en materia de xornada.
Foi remitida pola CIG o 13/6/2017 aos grupos do Congreso dos Deputados e Deputadas, e aprobada polo pleno en outubro dese mesmo ano, pero non chegou a aplicarse polo boicoteo de PP e Ciudadanos que impediron que entrase en vigor, favorecendo o roubo das horas extras que as empresas non nos pagan, nin cotizan.
Este mesmo ano a CIG Banca compareceu no Congreso, na comisión do sistema financeiro, onde defendeu de novo a necesidade do rexistro de xornada ante os grupos parlamentares.
Por iso a CIG reclamou, na reunión coa Ministra, que cumpra co mandato do Congreso e poña en vigor esta medida. Unha persoa que fai dúas horas extras diarias gratis, traballa sen cobrar o equivalente a dous meses ao ano.
Hai aberto un debate por parte das empresas defraudadoras, que se opoñen ao seu establecemento, alegando que vai contra a flexibilidade horaria; niso non menten. Dende a CIG rexeitamos os acordos de flexibilidade horaria no sector (asinados por CC.OO e UGT), xa que son unha ferramenta para explotar ao persoal que se ve obrigado a facer xornadas laborais ilegais, mentres cada día medra o número de despedimentos. Indecente!
Deberíamos preguntarnos porque as patronais en xeral, e especialmente a patronal bancaria, amosan unha oposición frontal ao rexistro da xornada, unha medida que repercutirá moi positivamente no conxunto do mercado laboral e na economía en xeral. Quizais porque grazas ao baleiro existente ata agora poden burlar sistematicamente a legalidade para o seu propio beneficio, en detrimento do conxunto da clase traballadora…
Nesta reunión, a CIG tamén reclamou a derrogación das reformas laborais, que os bancos aplican en cada un dos ERE's, da reforma da negociación colectiva, que dificulta a negociación dos nosos convenios dándolle maior poder ás patronais. E pedimos a derrogación das reformas das pensións, que nos restaron das nosas futuras pensións un 20 %.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario