O pasado xoves 15 de decembro, o BBVA acometeu unha nova ola de despedimentos sobre persoal incluído no POOL DE BAIXO DESEMPEÑO. Todos e todas, a través dun escrito con efecto inmediato e fulminante, sen apertura de expediente disciplinario. Case que simultaneamente, o banco informou do peche de 132 oficinas, quedando afectados todos os territorios.
Primeiro foron os 14 despedimentos de xuño. O mes pasado, a dirección do banco perpetrou actuacións coercitivas sobre unhas 35 persoas máis, co obxectivo principal de amedrentar o cadro de persoal e forzar a súa submisión aos seus plans de axuste. Mais a ola de presións xa chegou á Territorial Noroeste e dende á área de Cultura e Talento (que nome tan desafortunado) xa estrearon as «novas» formas de tentar axeonllar o persoal: TERRORISMO LABORAL, ACOSO EMPRESARIAL, FOSTIGAMENTO.
O modus operandi nos casos de novembro foi o seguinte: o traballador/a é citado ante persoal e danlle unha escusa para acudir a unha reunión curta. Cando accede á reunión, xa se decata de que está nunha emboscada. Ante a presenza de responsables de RR.LL, de RR.HH e un superior xerárquico, se lle «oferta» unha baixa incentivada, unha prexubilación lixo, unha excedencia de 3 ou 5 anos, un cambio de funcións, un traslado… Dinlle que ten que tomar a decisión no transcurso desa reunión e só pode facer unha chamada á familia. Dinlle que non pode saír da sala sen tomar unha decisión. Se o traballador/a pon pegas, indícanlle que a alternativa é o despedimento. Unha emboscada en toda regra, un atropelo e unha ilegalidade.
Lamentablemente, na maioría dos casos o resultado é o mesmo. O traballador ou a traballadora, asina o documento convertendo en legal ou voluntario algo que nace da chantaxe máis burda e dunha conduta mafiosa. E as consecuencias non só son económicas, son vidas truncadas, é a desafectación total pola empresa onde traballas que te maltrata deste xeito, son consecuencias a nivel de saúde, sobre a túa vida persoal e a da túa familia. Demasiado en xogo para non defenderse.
Dende a CIG afirmamos que é unha ilegalidade porque:
Se o banco quere facer un axuste de persoal por motivos organizativos, que o expoña previamente á Representación dos Traballadores, cumprindo cos requisitos legais, COUSA QUE NON FAN.
Se falamos dun despedimento disciplinario ou dunha sanción, requírese apertura de expediente e traslado ao sindicato do afiliado/a para facer alegacións aos motivos aportados. TAMPOUCO O FAN.
E se estamos ante unha modificación substancial das condicións de traballo, teñen que comunicalo con 15 días de antelación. DE NOVO, SEGUEN SEN FACELO.
A única saída ante estas políticas represivas, compañeiros e compañeiras, pasa primeiro por ser conscientes da situación, (ISTO É O QUE ESTÁ PASANDO E PODE PASARTE A TI), e pola defensa colectiva dos nosos dereitos. Ante este tipo de actuacións: AFÍLIATE, ASESÓRATE e FAITE ACOMPAÑAR DUN DELEGADO/A DA CIG.
- Pide a presenza dun delegado/a sindical. Se te convoca a empresa, sempre tes dereito, e é conveniente, asistir asesorado/a por un/unha representante sindical.
- Non asines e se o fas, asina «Recibín non conforme» facendo constar data e hora. Os prazos de reclamación son curtos.
- Asesórate. Se te comunican a apertura dun Expediente Disciplinario, busca asesoramento de xeito inmediato.
- Afíliate á CIG e se xa o estás, faino constar (así o sindicato terá dereito a ser informado e a presentar alegacións ao expediente, no seu caso).
- Busca amparo xudicial. Sexa unha sanción ou un despedimento hai un prazo legal de 20 días para recorrer, de aí a importancia de facer constar no «recibín» a data e hora (moitas veces as empresas dá cartas mal datadas).
- Se estás nun estado de xestación, infórmao á empresa porque estás protexida. A redución de xornada por coidado de menores tamén ten protección legal de obrigado cumprimento.
- Cumpre sempre a normativa. Un incumprimento da normativa fará que te despidan sen dereito a percibir ningún tipo de indemnización.
Deféndete!!! Asesórate
Deféndete!!! Faite acompañar
Deféndete!!! Afíliate
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario