17 de setembro de 2012

Defendamos os postos de traballo
Asembleas de traballadores/as de todos os Bancos

O sector financeiro ten vivido nun proceso de reestruturación permanente ao longo das últimas décadas, realizado sempre a través de medidas non traumáticas e prexubilacións. Dende o comezo da crise fóronse abrindo paseniñamente procesos traumáticos, Expedientes de Regulación de Emprego (inicialmente de prexubilacións), que derivaron cara a despedimentos puros e duros.

Neste momento, nun gran número de empresas do sector financeiro están abertos procesos de milleiros de despedimentos, ou se agardan procesos deste tipo para os vindeiros meses (entidades nacionalizadas Novagalicia, Banco Gallego, Catalunyacaixa; bancos en procesos de fusión… etc). O Real Decreto Lei 24/2012 de «Reestruturación e resolución ordenada de entidades», aprobado polo PP, ten como obxectivo a reestruturación, liquidación e resolución de Entidades, e unha maior concentración. Hoxe incluso grandes bancos (BBVAUnnim ou Sabadell—CAM) teñen en marcha procesos con despedimentos masivos que, unha vez abertos, poden estenderse a todo o cadro de persoal. Outros como o Santander, recortan sen recato os dereitos dos traballadores/as, concretamente en materia de Prevención Social, facéndolles pagar o burato de 450 millóns de euros no seu fondo interno. O Banesto, Entidade do Grupo Santander, ten reducido o seu cadro de persoal un  18% dende o ano 2007 a través dun ERE encuberto.


Estamos ante unha reconversión pura e dura, da que ninguén está a salvo, realizada nun marco de recortes laborais e sociais (desemprego… etc.) que tamén nos afecta.
Esta reconversión está impulsada dende a UE; non é a primeira vez que un sector sofre esta situación, pero ata o de agora, os sindicatos temos conseguido que a UE e os Gobernos do Estado e Autonómico cedesen, para que este tipo de procesos fosen non traumáticos.

Houbo sen dúbida unha cesión sindical neste proceso de reestruturación, non chegamos a entender como esta destrución de milleiros de postos de traballo non tivo unha resposta sindical contundente para reclamar a dotación de fondos, tanto para que se faga de xeito non traumático, coma para permitir a reincorporación ao mundo laboral daquelas persoas que están perdendo o seu posto de traballo, e que terán no futuro un difícil encaixe no mercado laboral, nomeadamente as persoas maiores de 40 anos que comezan a ser o branco de moitas empresas.

Dende a CIG queremos compartir con todos e todas vós a situación do sector e os pasos a dar para reclamar de xeito conxunto unha saída non traumática para este novo proceso de reconversión. É por iso que iniciamos un proceso de Asembleas de Traballadores/as de todas as Entidades financeiras.

Faremos asembleas en Ourense o 25 de setembro, Vigo o 26, A Coruña o 27, e fixaremos datas para Lugo, Santiago e Ferrol.

A asemblea de Ourense será no local dos sindicatos, no Parque de San Lázaro ás 18:30 horas.





➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 120917 [.pdf • 44 Kb]


Ningún comentario: