12 de xullo de 2011

O mundo pode cambiar, pero non vai cambiar só

Hai medio século o avogado británico Peter Benenson publicou o artigo «Os presos esquecidos». As súas palabras acenderon a conciencia de persoas anónimas que se uniron para loitar contra as violacións de dereitos humanos cometidas a miles de quilómetros, foi a xénese dunha organización na procura e defensa dos dereitos humanos en todo o mundo, chamada Amnistía Internacional.


50 anos de Amnistía Internacional

Imaxen con dereitos reservados a favor de Amnistía Internacional
 

Cincuenta anos despois, esa mecha prendeu en máis de tres millóns de persoas que, coa súa acción constante e desinteresada, acadaron que o mundo sexa un pouco mellor. A pena de morte pasou de estar abolida só en nove países a non aplicarse en 139. A tortura foi prohibida a nivel internacional.

Creouse un Tribunal que xulga os crimes contra a humanidade. Hai un maior control sobre o comercio de armas. Foron adoptadas leis para rematar coa discriminación de xénero. E miles de persoas encarceradas ou condenadas a morte polas súas ideas, as súas crenzas ou a súa identidade de xénero recuperaron as súas vidas grazas ao esforzo e tesón de activistas de todo o mundo que se mobilizaron polos seus casos.

Porén, non todo son boas noticias. Gobernos, coma o de Estados Unidos, seguen sen render contas polas detencións ilegais, desaparicións forzosas e actos de tortura cometidos coa escusa da loita contra o terrorismo. A violencia de xénero continúa cebándose con mulleres e nenas ante a indiferenza de moitos gobernos. Multiplícanse os abusos contra as persoas emigrantes. En países como China, a liberdade de expresión é reprimida duramente e as novas formas de comunicación sofren un férreo control. A pobreza, que afecta a meirande parte da poboación mundial, é causa e consecuencia de violacións de dereitos humanos, nas que cada vez desempeñan un maior papel as empresas, ante a inacción dos gobernos.

O mundo cambiou, efectivamente, pero aínda queda moito por facer. E ti podes participar. Hoxe invitámoste a esixir que se limpe a contaminación producida polas empresas petrolíferas que destruíu os medios de subsistencia de centos de miles de persoas no Delta do Níxer.

Invitámoste a esixir que sexan perseguidos os que ameacen a Norma Cruz por defender os dereitos das mulleres e nenas vítimas de violencia en Guatemala.

Invitámoste a esixir protección ás autoridades colombianas, polos defensores dos dereitos humanos, sindicalistas, líderes comunitarios e outros activistas sociais ameazados de morte.

Invitámoste a esixir que sexan xulgados os que violan os dereitos da poboación civil por manifestarse pacificamente no Norte de África e Medio Oriente.

Invitámoste a actuar para que o mundo siga cambiando. Porque o mundo pode cambiar, pero non vai cambiar só.

ACTÚA! ÚNETE A AMNISTÍA INTERNACIONAL!
Sé 1 máis. Convence a 1 máis. Actúa 1 vez máis.


Podes obter máis información sobre o seu traballo ou ben, como colaborar...





➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Ningún comentario: