7 de outubro de 2026

Se soben os prezos teñen que subir os salarios!

Se soben os prezos teñen que subir os salarios!

Viñamos duns convenios cos que perdemos un 25 %  do salario por non contemplar cláusula de revisión anual vinculada ao IPC. Malia estes antecedentes CC.OO e UGT asinaron os actuais convenios, co SIB—sf en Aforro e con FINE en Banca, sen cláusula de revisión salarial anual. Agora, co IPC no 5 % , teremos unha nova perda, xa que non contaremos con eses atrasos.

Se lle sumamos a conxelación das compensacións por quilometraxe; cuns combustibles que dobraron o prezo, hai compañeiras e compañeiros que pagan do seu peto por ir traballar. Xa non se trata de negociar mal ou dun erro na negociación, senón dunha nova cesión ante uns bancos que teñen beneficios millonarios, e que ao persoal repártenos perdas, co visto bo dos sindicatos que están ao servizo das empresas.

Sufrimos acoso para colocar produtos que a clientela non demanda e que temos que vender baixo presión, para seguir enchendo os petos das entidades financeiras, facendo xornadas maratonianas baixo unha falsa flexibilidade, con obxectivos desmesurados e cunha carga de traballo imposible de realizar na xornada legal, sen pagar, cotizar nin rexistrar as horas extra.

Ameazas de traslados, despedimentos, ataques á dignidade persoal e profesional, e máis presión comercial. Esta é a violencia laboral coa que nos atopamos día a día cando imos traballar nun entorno que nos enferma e que nos obriga a ir traballar enfermas coa axuda de ansiolíticos ou antidepresivos.

Por iso onte, 6 de outubro, volvemos mobilizarnos de novo, desta volta en contra o acoso comercial a sobrecarga de traballo e a perda salarial que estamos a sufrir no sector financeiro.

Só coa loita e a mobilización teremos un futuro digno no sector!




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!






Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   http://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       http://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 261007 [.pdf • 641 MB]



Ningún comentario: