21 de novembro de 2025

Retroceder en dereitos incrementa a violencia

Os casos de Alfonso Villares (o Concelleiro do Mar da Xunta de Galiza foi imputado por un delito de agresión sexual) ou de Matías González Cañón (candidato do PP na Illa de Arousa condenado por violencia de xénero contra a súa expraella) demostran que, desde o goberno do PP na Xunta de Galiza, defenden e perdoan condutas machistas e violentas, asentando no imaxinario colectivo do pobo dúas perigosas mensaxes: que a violencia de xénero é algo que se pode perdoar, e que as mulleres realizan denuncias falsas que poñen aos homes nunha situación de indefensión, situándose a carón deles e non das vítimas.

A reorganización do organigrama da Xunta en materia de loita contra a violencia machista non foi casual. Suprimiron a Secretaría Xeral de Igualdade, reducíndoa a unha dírección xeral (só de Promoción), desvinculando a Violencia de Xénero da Promoción da Igualdade e poñendo á fronte un home (abordando a violencia desde unha perspectiva técnica e xurídica, non integral), orixinado que en xuño do pasado ano a CIG, xunto con outros 41 colectivos feministas galegos, instaramos a Valedora do Pobo a que interviñese.

É a maior parálise na institucionalización das políticas de Igualdade de xénero desde a supresión do SGI (Servizo Galego de Igualdade) na Xunta de Galiza logo de que o PP volvese ao goberno no ano 2009 tras o bipartito PSOEBNG, e realizada xusto cando a taxa de violencia de xénero en Galiza aumentou case un 10 10 % a respecto do 2024. De media, os xulgados de violencia contra as mulleres reciben 21 denuncias, case unha denuncia cada hora.

Por outra banda, os centros de atencións ás vítimas 24 horas, os servizos de axuda ao fogar, os centros de día ou as residencias para persoas maiores e dependentes, están en mans de empresas lucrativas que gañan licitacións públicas a cambio de precarizar dereitos das persoas usuarias e traballadoras destes servizos, de igual xeito que acontece coa atención á discapacidade, conciliación e responsabilidade (comedores escolares, campamentos, comedores e cociñas, limpeza, servizos de madrugadores, escolas infantís, casas niño no rural… etc.) ou cos centros residenciais construídos ou equipados por oligarcas que logo ceden a institucións públicas, co afán de deducir e branquear o capital.

Nin a pandemia, o envellecemento da poboacíón, a crise demogóráfica ou a dispersión xeográfica, nin a presión das mulleres esixindo cambios, foron motivos dabondo para que os gobernos invistan orzamentos públicos destinados a un cambio do sistema no que a vida das persoas se sitúe no centro das políticas públicas. A Lei de Dependencia segue sen ser desenvolvida e os dereitos das persoas a seren coidadas continúan sen ser garantidos. Por iso, seguuimos a exixir servizos sociais de atención ás persoas públicos e de xestión directa, e que tanto a tramitación como a asignación dos recursos e a súa xestión non sexan privatizados nin empregados para o lucro das empresas, nin para a explotación das mulleres traballadoras, onde hai unha importan presenza de migrantes.

Pese a que o Goberno do Estado presumía de poñer en marcha as políticas máis avanzadas de Europa, o certo é que estas se reduciron a simples transposicións de directivas europeas, que mesmo supuxeron un tirón de orellas á coalición PSOE / SUMAR tanto en materia de dereitos de conciliación como de igualdade.

A meirande parte destas medidas foron reducidas a propaganda. Non hai unha aplicación real de medidas nos centros de traballo, nin protocolos efectivos que preveñan, actúen e sancionen os acosos nas empresas, ao non existir nin sequera un desenvolvemento normativo do Convenio 190 da OIT que protexa contra a violencia no traballo. Tampouco existen datos e investigacións oficiais que recollan o número de denuncias de apertura dos protocolos de acoso, as resolucións adoptadas, ou que afonden nos erros detectados no sistema de denuncia e na atención ás vítimas de violencia machista para evitar que se produzan máis agresións ou mesmo feminicidios.

Os plans de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, xunto coa lexislación en materia retributiva, non serviron para eliminar a fenda salarial, que só se reduce por mor da igualación da precariedade do traballo tanto de homes como de mulleres.

Os nesgos de xénero seguen a dominar os ensaios clínicos, diagnósticos e tratamentos. Non se investigan problemas de saúde específicos como a endometriose, menstruación e menopausia. Os dereitos sexuais e reprodutivos seguen pendentes dun acceso universal (sexa á anticoncepción ou ao aborto legal e seguro, pendente aínda de ser unha realizade). O uso excesivo de antidepresivos, analxesia e somníferos por parte das mulleres (cis ou trans) é unha evidencia de falta de atención da saúde con perpectiva de xénero.

En vez de empregar os fondos europeos en igualdade e interseccionalidade enfocan a transición dixital, verde e ddemográfica cara a descarbonización e dixitalización das economías europeas, polo que a segregación profesional seguirá permanecendo inalterábel, beneficiando as carreiras STEM fronte ás profesións vinculadas ao coidado das persoas, que permanecerán infravaloradas e mal remuneradas.

25N



➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]





Díptico 25N 2025 [.pdf • 1,5 MB]



1 comentario:

Anónimo dixo...

https://www.boe.es/eli/es/res/2024/12/20/(6)