No Banco dos 8.000 millóns de beneficios, o seu persoal ten que convivir con teitos que caen, cheiros insalubres, riscos eléctricos, ratos e cucarachas e, por riba de todo, cun absoluto desprezo polo seu benestar e a prevención de riscos. E isto non é unha excepción.
Dende a sección sindical da CIG, levamos anos traballando a prol do cumprimento da lei de prevención de riscos laborais, velando pola saúde do cadro de persoal. Ademais de soportar a brutal presión comercial do banco, o persoal ten que soportar situacións dantescas como as descritas.
O BBVA ten oficinas con risco por amianto, con inundacións por augas limpas ou sucias, con cheiros permanentes a excrementos, e convivencia con ratos e/ou cascudas. Temos unha longa lista de exemplos. Xa temos denunciado por: risco de aspergillus, amianto, colapso de estrutura (que levou a un peche da oficina), calidade do aire pésima na pandemia (que obrigou a facer informe en todas as oficinas). É unha barbaridade ter que reclamar ano tras ano melloras en sucursais onde entras pola porta e o cheiro tira para atrás, ou soportar que os arranxos se fagan traballando na oficina (unha práctica que soamente BBVA persiste en manter).
Este mes denunciamos ante Inspección de Traballo, a situación catastrófica que se viviu nunha oficina da provincia de Pontevedra: inundación da oficina, auga caendo do teito a través dunha maraña de cables durante máis dunha semana; augas fecais que se recollen nunha cubeta que se baleira unha vez por semana (única solución adoptada); tubaxe de amianto con buracos (feitos probablemente por ratos) e, coa grave sospeita de que no local do lado (co que se comparte tubaxe e deterioro), mudáronse todas as tubaxes sen as medidas de seguridade axeitadas, nin para as persoas traballadoras nin para a clientela. Mentres acontecía todo iso, a oficina permaneceu aberta cada día, co seu persoal facendo o seu traballo como mellor podía, coa preocupación no corpo. O inspector, despois de xirar a visita, fixo un requirimento á empresa dándolle un mes para corrixir as deficiencias detectadas. O banco foi coñecedor desde o primeiro momento por nós da situación da oficina, pero non actuou coa dilixencia debida. A información dada a esta Sección Sindical foi, resumida, a seguinte:
Informe de calidad del aire, óptimo para la salud de la plantilla.Non daba ese valor o purificador posto polo propio banco, que indicaba o contrario.
Tras visita al local colindante, no se observó ningún peligro ni zona de posible conexión con la oficina.Información totalmente contraria á manexada por esta Sección Sindical.
Dende a CIG demandamos que o banco arranxe a oficina xa e que o seu persoal non teña que soportar, a maiores, as molestias dos arranxos. Hai moitas maneiras de facer obras e manter certo grao de servizo sen ter que pasar sempre polo lombo do persoal da oficina. Facemos extensiva esta petición para o resto de sucursais nesta ou similar situación.
Requirimos de BBVA que nos faga traslado do «Protocolo de peche de oficinas» e deixe de facer recaer a responsabilidade última desa toma de decisión ás direccións das oficinas que, por veces vénse entre a espada e a parede. Dende a CIG estaremos pendentes da evolución deste asunto para comprobar que se cumpre o requirimento da inspección.
Se precisas asesoramento tes preto de ti a un delegado ou delegada da CIG!
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
http://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]Folla
http://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario