Na próxima xuntanza da Mesa de negociación do XXV Convenio de Banca, a CIG achegará unha proposta salarial, modificando as nosas pretensións iniciais, que permita recuperar nos próximos 3 anos boa parte do poder adquisitivo perdido e, ao mesmo tempo, garanta non seguir perdendo durante a vixencia do novo convenio. Queremos negociar, pero sen renunciar ao que é de xustiza.
O escenario de beneficios do sector nos últimos 2 anos e as previsións dos analistas e dos propios bancos —que falan de beneficios aínda maiores para os vindeiros anos— fan irrenunciables eses mínimos na negociación.
A nosa proposta resúmese en:
- Vixencia do convenio: Tres anos, 2024, 2025 e 2026.
- Recuperación poder adquisitivo perdido: Unha paga lineal equivalente o 15 % do salario medio de convenio, nin compensable nin absorbible, que contribúa a aliviar as diferenzas retributivas entre homes e mulleres. A percibir de forma progresiva nos próximos 3 anos, a razón de ⅓ cada ano con importes que se irán consolidando en táboas.
- Suba salarial anual: Hai que establecer unha suba anual mínima, durante a vixencia do convenio, que permita non seguir perdendo. Propoñemos unha suba salarial sobre táboas do 5 % para cada un deses anos.
- Cláusula de garantía salarial: Recoller explicitamente no convenio que, se o IPC durante cada un deses tres anos supera a suba anual pactada, automaticamente cada ano esa diferencia será repercutida en táboas, con carácter retroactivo, con efectos 1 de xaneiro.
Non podemos admitir unha cláusula de garantía salarial topada e aplicable ao final da vixencia do convenio. Porque iso significa recortar salarios. - Cláusula de compensación e absorción: Partindo de que os complementos salariais sobre os que se aplica esta cláusula obedecen a pactos individuais (e a súa concesión é totalmente arbitraria e opaca por parte das empresas), desde a a CIG solicitamos á patronal información sectorial sobre eses complementos, para coñecer o detalle dos colectivos que perciben eses importes por encima do salario de convenio.
Descoñecemos o alcance que tería a súa inaplicación/aplicación parcial, en aspectos fundamentais como, por exemplo, a igualdade salarial. Non podemos esquecer que traballamos nun sector cunha das fendas salariais de xénero máis elevadas, como consecuencia da masculinización dos postos de maior responsabilidade e con máis alta remuneración.
Defendemos a negociación colectiva como a forma de mellorar as nosas condicións salariais e laborais. Os pactos individuais que recollen salarios por riba das táboas, non poden condicionar a negociación deste convenio. A non aplicación da cláusula de compensación e absorción, ou a súa aplicación parcial, non pode ser moeda de cambio para recortar salarios.
Loitamos por un convenio xusto, para recuperar e manter o poder adquisitivo, para acabar coa presión e acoso comercial e para reducir a carga de traballo.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
http://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
http://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario