Desde o principio da negociación deste convenio, sabiamos que a patronal AEB se resistiría a mudar as dinámicas que nos trouxeron ata aquí, con convenios que na última década só contribuíron a empeorar as condicións salariais e laborais do conxunto do persoal, adaptados ás súas necesidades, froito da imposición que non da negociación.
O conxunto das traballadoras e traballadores dos bancos fomos quen de amosar que a nosa disposición á loita para mellorar as nosas condicións de traballo é inequívoca. O éxito das folgas dos días 26 e 29 de febreiro e da folga do 22 de marzo, dan testemuño desa determinación.
Obedecendo a unha estratexia da patronal de diluír o conflito no tempo, tratando de desinchar os ánimos, a próxima xuntanza de convenio está prevista para o xoves 25 de abril. Desde a CIG entendemos que non podemos nin debemos paralizarnos ante esta artimaña, senón que temos que lanzar unha mensaxe alta e clara aos bancos, recordando que o conflito segue vivo e que non mudou nada nas nosas reivindicacións e disposición a loitar para conseguilas.
Desde o inicio defendemos que era conveniente a unidade de acción sindical para conseguir os nosos propósitos —esa foi tamén a vosa demanda—, e así o demostramos cos feitos, acudindo a todas as convocatorias de mobilización que se fixeron no sector.
Por iso, e seguindo con ese mesmo convencemento, vimos de propoñer ao resto de organizacións sindicais presentes na mesa de convenio unha nova convocatoria de folga para unha data posterior á reunión do día 25 de abril. Non confiamos en que a patronal veña ese día cos deberes feitos e presente unha proposta seria que poida ser considerable pola nosa parte.
Antes de presentar a súa proposta, a patronal ten que saber que o persoal do sector está disposto a continuar coa loita.
Agardamos que o resto de organizacións así o entendan tamén e vaiamos a unha nova convocatoria de folga sen fisuras, todas e todos xuntos.
Loitamos por un convenio xusto, para recuperar e manter o poder adquisitivo, para acabar coa presión e acoso comercial e para reducir a carga de traballo.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
http://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
http://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario