18 de marzo de 2022

Intervención da CIG 
Xunta xeral de accionistas 2022

Quenda de intervencións Xunta Xeral de Accionistas BBVA 2022

Velaquí tedes o contido da nosa intervención na pasada xeral de accionistas do BBVA · 2022


Señoras e Señores accionistas, membros do Consello de Administración, Sr. Presidente, bo día, egun on, buenos días.


O meu nome é Carme García González e diríxome a vostedes en nome da Confederación Intersindical Galega, CIG, o Sindicato máis votado e máis representativo en Galiza, a miña terra.

En primeiro lugar, queremos dar a benvida a Sra. , quen coa súa chegada permite acadar un 40 % de cota feminina ao Consello de Administración.

Queremos dicirlle Sra. Hedegaard, que esta empresa é moi grande e xera beneficios mil millonarios grazas fundamentalmente ao seu cadro de persoal. Parte dese persoal tráenos aquí para que escoiten o que temos que dicirlles.

Persoal que quedou minguado a partir de xuño do ano pasado, nun proceso inxustificado e traumático, nado do único momento () que lle brindou a oportunidade ao Banco. Pero diranlle que o proceso de ERE foi voluntario nun 90 e tantos por cento. E case ata será verdade. O que non lle van dicir é por que ese % tan elevado de persoas levantan a man para pedir a conta. Non lle contarán por que este cadro de persoal tomou o camiño da primeira folga dende os anos 80, pechando a práctica totalidade das oficinas e centros de traballo en Galiza e noutros territorios.

Non lle van dicir que traballamos nunha empresa de brillantes aparencias pero de realidades ás veces moi escuras. Ese persoal que levantou a man coñece tanto unhas coma outras:

Unha empresa FAKE EN IGUALDADE, na que a día de hoxe, non temos dentro da legalidade e onde a brecha salarial se presume, porque a empresa garda con sumo celo a información que está obrigada a achegar.

Unha empresa TRUMPISTA EN SAÚDE LABORAL, con demasiadas persoas con baixas moi longas, queimadas, coa presión comercial polas nubes e a ansiedade na estratosfera. Non queremos oír do noso médico ou médica que nos dediquemos a outra cousa. Queremos que se fomente un entorno laboral saudable.

Dámoslles un exemplo do que pasa nesta empresa: Putin bombardea Ucraína, a clientela entra en pánico intentando salvar os seus aforros e é atendida polo seu xestor ou xestora, pola directora da súa oficina con chamadas dende as 8 e media, sen saber moi ben que facer porque a resposta oficial chega ás 2 da tarde. Pero que fai a túa Dirección de Zona? Apóiate? O que fai é mandarche un correo personalizado, que tes que responder indicando un compromiso escrito de contratación en carteiras multiestratexia. E vemos a xestora de fondos camiñando entre a incerteza e a extrema prudencia e, por outro lado, a Negocio en plena escalada enviando «ao ataque», literalmente, ás forzas de vendas. Iso é o BBVA, señoras e señores: Cero en Empatía e –10 en Humanidade.

Pero dá igual, porque temos un método de Avaliación de Riscos que nin mide, nin avalía. Tan só cumpre coas aparencias. Que son o máis importante. Non pasa nada, todo está controlado.

E non pasa nada ata que chega a Gallup e nos dá nas narices e non entendemos o porqué, se ninguén se queixou ata agora E que non se queixen, non sexa que na Avaliación do desempeño lles toque un 2 no sorteo e se abra o camiño de descenso!

Una empresa FAKE EN SOSTIBILIDADE. Onde o Consello sube o seu soldo un 200 %, ano tras ano. E os beneficios son mil millonarios dirán… Ben, tamén as provisións da súa Auditoría: 844 millóns en Garanti; 533 en litixios e cuestións legais; 90 en asuntos fiscais. Pero tamén para os que aínda non é capaz de cuantificar, como é o caso , que cun desenvolvemento incerto podería poñer en cuestión a posición na cadeira dalgunhas persoas.

FAKE EN RESPONSABILIDADE: Non se pode tapar cunha migalla de cartos, o que sufriu este persoal, coa Rede de Oficinas abandonada á súa sorte despois do seu ERE. Un ERE fabricado a costa da pandemia. Meses traballando con medo, á , pero tamén a un traslado forzoso, sen límite de distancia, grazas a un proceso onde os responsables son coñecidos. Onde se forzou o cambio de función polas bravas, o cambio de centro de traballo a outra provincia, sen considerar vidas ou familias; onde se despediu a compañeiras e compañeiros que marcharon buscando outra realidade laboral mellor ou, simplemente un descanso desta. Meses onde a contratación de temporais vén deixar clara a insuficiente dotación de persoal, especialmente na REDE, a eterna maltratada, onde se lles nega o retorno a persoas en excedencia, ás que rematan despedindo, tentando que o custe tenda a cero.

Tivo que vir chamarnos a atención un ancián para que vostedes se viran obrigados a cambiar o paso da atención á clientela máis vulnerable, á que botaron das sucursais. Veremos o que dura. Moitos clientes e clientas a quen se forzou a un mundo dixital que non é o seu e que, agora mesmo, están sufrindo o saqueo das súas contas. Con auténticos dramas que até hai nada a empresa asumía pero que xa non.

Pero iso si, todo ten que pasar pola venda dixital.

Queremos seguir denunciando a recollida de delegacións en branco, obxectivada e con seguimento diario, que dende a «Era González» se empregou para xuntar apoios a cambio de regalos ao accionariado. E que agora se disimula cunha doazón a unha ONG.

E despedímonos proclamando un NON Á GUERRA rotundo. Non a esta guerra nin a ningunha outra nun mundo no que conviven actualmente arredor de 30 conflitos armados.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 220318 [.pdf • 157 kB]




Ligazón relacionada:

Respostas do Presidente de BBVA ás intervencións dos sindicatos:  [.mp4 · 192 MB]


Ningún comentario: