Volvemos saír á rúa para seguir denunciando publicamente o peche indiscriminado de oficinas que está a facer o BBVA. Concentrámonos o día 12 en Ourense, diante das oficinas do Progreso e de Bos Aires, e hoxe 17, en Arzúa e Vila de Cruces.
O banco segue executando o ERE que, non imos deixar de dicilo, é totalmente INXUSTIFICADO. O que está acontecendo nas oficinas dános a razón. As tremendas consecuencias que a redución brutal de persoal, os peches de oficinas e os traslados, están causando entre a clientela e o conxunto dos e das traballadoras é algo que nós xa advertimos dende o inicio da negociación. Dixemos que non sobraba persoal, e esa afirmación era, e é, totalmente acertada.
A clientela está que trina, atopa a súa oficina de toda a vida pechada e ten que se desprazar a outra para gardar largas colas, con horarios restritivos na atención de caixa (cando a hai) e se sinte estafada pola entidade na que leva anos confiando, polo que ao final, acaban descargando o seu enfado coa persoa á quen lle toque atendela.
As traballadoras e traballadores estamos desbordados. Se xa o clima laboral anterior era dunha presión insufrible, agora é o triplo. Os mandos non axudan a solucionar a situación, limítanse a engadir máis leña ao lume, con reunións, chamadas, máis correos, máis mensaxes e todo tipo de medio que se lles ocorra para encargar tarefas e fixar obxectivos inasumibles e inalcanzables, fixados polo departamento comercial.
E isto pasa factura. Cun aumento crecente e preocupante de baixas por motivos psicolóxicos a consecuencia da sobrecarga, do estrés… e non son casos menores. Coñecemos casos moi graves. E con estes vimbios rematamos a enquisa «Gallup» e comezamos unha nova Avaliación do Desempeño, con resultados que non sorprenderán porque xa os coñecemos de antemán.
As organizacións asinantes do ERE nin están nin se lles espera, porque lembremos que, se non asinasen, outro galo cantaría. E que non sigan dicindo que era a única saída. A saída era continuar firmes na posición, se era un expediente inxusto e inxustificado ao principio da negociación, non mudou nada no final. Pero asinaron. E o tempo deunos a razón ás organizacións que non o fixemos.
E mentres tanto, o banco obtendo enormes beneficios nos tres primeiros trimestres de 2021: 3.331 millóns de euros (1.223 millóns no Estado español, un 160,9 % máis que no mesmo período de 2020), que lles permiten lanzarse a novas adquisicións e lles permitirán repartir dividendos substanciosos na próxima Xunta de Accionistas.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario