20 de abril de 2021

Intervención da CIG 
Xunta xeral de accionistas 2021

Xunta Xeral de Accionistas BBVA · 2021
Xunta Xeral de Accionistas BBVA · 2021

Esta entidade di ser a que máis coidou ao seu cadro de persoal no confinamento. Cadro de persoal que deixou a pel dende as súas casas e dende a primeira liña, para executar un traballo declarado esencial para a sociedade durante a pandemia que padecemos, antes e agora.
Queremos destacar aquí esa valía e seguir reclamando ese coidado, trasladando a petición levada ao CESS de teletraballo e organización de quendas, como plan de continxencia para evitar que esa terceira, cuarta onda ou as que veñan, leven por diante as persoas pero tamén o negocio. E pedimos o mesmo trato aquí que noutros territorios. O persoal de Contigo catalá ten a mesma valía que o galego pero non o mesmo trato, por poñer un exemplo.

A «recompensa» por ese enorme esforzo do persoal, ademais do preceptivo video-palmadiña nas costas, chegou pronto en forma de volta masiva a primeira liña no caso da Rede de oficinas e recorte do Bonus, sen aviso nin explicación. Resulta curioso que a parte esencial do negocio sexa a que menos acceso teña ao teletraballo de toda a empresa, sendo factible en moitos casos como medida preventiva. «A saúde é o primeiro…», iso dicían vostedes.

«Recompensa» que chega agora en forma de Despedimento Colectivo, unha vez publicado un convenio colectivo a medida para favorecer ERE’s exprés. «Demos grazas aos asinantes». «Plan de Axuste» chamábanlle antes de confirmar o que xa anticipaban, con filtración interesada na prensa. Supoñemos que para valorar o impacto nos mercados. Pero tamén con reunións coas diversas forzas sindicais, en busca de alianzas contra natura. Non grazas. Como se di agora, non no noso nome.

Resulta contraditorio que eliminar milleiros de postos de traballo se contemple como ferramenta de garantía de emprego. Outro eufemismo supoñemos. E que se destine ese gran reforzo de capital do que presumen, para sustentar ese recorte e subir a cotización da acción amortizando a autocarteira. Iso debe ser xestión sostíbel, as palabras de moda ultimamente.

Lembremos outras xestións sostíbeis, e desculpen a ironía:

Non sostíbel é manter políticas de remuneracións para unha elite que, como xesto para a galería, renuncian a unha parte dun variable inmoral. O sostíbel, sería unha revisión profunda das políticas salariais, pero seguen pedindo aumentos ano tras ano. Este incluído. E logo afirmar que sobramos milleiros de PERSOAS. Que indecencia!!! Pero será que vostedes o valen…

Non sostíbel é manter como norma unha organización non paritaria, cunha elevada infrarrepresentación feminina. E vergoñoso debería ser trasladar unha información con fendas salariais en todos os tramos de nivel e nin molestarse en buscar resposta ou saída ao tema. Xa da linguaxe inclusiva non falamos. Será que nosoutras… non o valemos.

Non sostíbel é manter rebaixas forzadas de servizos declarados esenciais, dentro desta gran roda de peches de sucursais que levan á exclusión financeira a localidades e persoas, lamentablemente sempre as máis vulnerables: maiores, enfermas, con escasos recursos… E cal é a xustificación? O mantra da dixitalización. Será que esas persoas… non o valen.

Non sostíbel é forzar, insisto, forzar, que todo, e volvo repetir, todo, pase obrigatoriamente pola venta dixital. Que para que dean as cifras, teñamos que titorizar clientela que por idade, falta de pericia ou desinterese, non poida ou non queira facer o noso traballo. Que gran baño de realidade supuxo o parón do confinamento! Por fin puideron dimensionar realmente a dixitalización da clientela e a nosa colaboración imprescindible neste feito. Dese seguimento, non fan traslado. Iso o gardan para vostedes.

Non sostíbel é impoñer restricións de servizos e comisións abusivas, botando a clientela á intemperie, incluso cobrándolle por retirar das súas propias contas, para logo impoñer como obxectivo prioritario crecer en cota. Parecería máis razoable non botala primeiro.

E por último, non sostíbel é tratar de amordazar a nosa liberdade de expresión con ameazas veladas, cando este Sindicato usa o seu lexítimo dereito á información e á protesta. Nas rúas ou onde nos pareza conveniente e necesario. Isto si que a nós e á xente que representamos nos parece ofensivo, violento incluso pola súa parte. Pero serán as vellas formas de actuar que non se esquecen totalmente.

Gustaríanos saber cantas desas xestións sustentan un ERE que vostedes xustifican nunha dixitalización que non é real, en preservar unha rendibilidade que provén do cadro de persoal, e no mantemento do emprego.

Dámos a nosa gratitude ao accionariado, maioritariamente compañeiras e compañeiros, que nos confiaron a súa delegación para traer a súa voz ante vostedes.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 210420 [.pdf • 191 kB]



Ningún comentario: