Negociación XXIV Convenio Colectivo AEB
A patronal bancaria pretende, un convenio máis, que as traballadoras e traballadores do sector continuemos asumindo perda de poder adquisitivo, eludindo así a súa corresponsabilidade co conxunto da sociedade de contribuír á recuperación da crise sanitaria e económica que sufrimos.
Mentres que no ano 2020 a suba salarial media pactada en convenios foi do 1,89 %, e no ano 2019 foi dun 2,33 %, a banca pretende pactar unha conxelación salarial para os anos 2019, 2020 e 2021, cunhas subas de 0,75 % e 1,25 % para 2022 e 2023, respectivamente.
As organizacións sindicais que subscribimos este comunicado, algunhas delas con presenza na mesa negociadora (CIG, ELA e LAB), queremos trasladar ao conxunto de traballadoras e traballadores do sector o que, ao noso xuízo, supón un novo ATRACO.
A aceptación por parte dos sindicatos estatais CC.OO–UGT–FINE de conxelación salarial de cando menos dous anos, sen esperar a coñecer cal será o contido definitivo do resto de aspectos do convenio, permite á patronal conseguir o seu obxectivo inicial, usando a actual crise sanitaria para reforzar as súas pretensións, obviando os beneficios obtidos durante a vixencia do convenio actualmente prorrogado e la contención salarial do mesmo, a cambio do mantemento do emprego. Segundo informe de CC.OO sobre a evolución do sector financeiro no Estado español, o número de postos de traballo amortizados no período 2008–2019, é de 103.000 (-37,3 %), cunha previsión para o ano 2021 de 20.000 máis, así como as previsións económicas de distintos organismos internacionais para os próximos exercicios unha vez controlada a pandemia.
Dende aquí queremos convidar ao conxunto de traballadores e traballadoras da banca a expresar o seu rexeite a esta nova conxelación salarial, coa sinatura do manifesto que achegamos, no que expresamos a nosa desconformidade coa cesión ás pretensións da patronal bancaria por parte dos sindicatos sinalados.
Unha vez máis ponse de manifesto a necesidade de negociación de convenios no noso ámbito territorial, tal e como defenden as nosas organizacións, onde poderíamos evitar as continuas cesións á patronal nos convenios de carácter estatal grazas a nosa maior representatividade.
Continuaremos informando do que aconteza na mesa de negociación, denunciando as pretensións de recortes en dereitos e traballando na mellora das nosas condicións laborais.
Entra e asina o manifesto:
https://www.peticion.es/no_a_la_congelacion_salarial_en_banca_-_no_en_mi_nombre
MANIFESTO A ASINAR PARA EXPRESAR O TEU REXEITE Á CONXELACIÓN SALARIAL
Como persoa traballadora nunha entidade asociada á patronal bancaria (AEB) e, en consecuencia, directamente afectada polas decisións que se tomen na actual negociación do convenio colectivo de Banca, desexo manifestar o meu rexeite a Conxelación Salarial aceptada por CC.OO–UGT–FINE na súa proposta conxunta na Mesa Negociadora do Convenio de Banca.
É inaceptable que mentres a banca continúa obtendo miles de millóns de beneficios, tendo multiplicado por catro, no período 2014–2019, o montante total de dividendo repartido no caso das grandes entidades, se asuma que sexamos as persoas traballadoras quen teñamos que facer novamente sacrificios, e non se nos garanta o mantemento do noso poder adquisitivo, cando a suba media pactada en convenios foi do 2,33 % en 2019 e do 1,89 % en 2020.
Considero que de asinarse un convenio con conxelación salarial, sexa de un, dous o máis anos, sería un ATRACO ao conxunto das persoas que traballamos na banca; máxime na situación de crise sanitaria que vivimos, na que se nos ten considerado como traballadoras e traballadores esenciais, e la patronal bancaria nin recoñeceu nin quere recoñecer debidamente a nosa dedicación e traballo por encima das nosas obrigas.
Quero manifestar o meu rexeite á conxelación salarial prevista, así como que as organizacións sindicais que o subscriban NON ME REPRESENTAN, e as emprazo a NON ASINAR un convenio que leve ao conxunto das traballadoras e traballadores da banca a perpetuar a perda de poder adquisitivo nos seus salarios.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario