17 de novembro de 2020

Fusión BBVA–Sabadell, posición da CIG

CIG BANCA - Seccións Sindicais da CIG BBVA—SabadellGallego

A día de hoxe, as Direccións de ambos bancos estudan a posible fusión, é dicir, como será o reparto do poder (guerra de galos), e a cantos e cantas de nós despiden. Niso consisten ese tipo de conversas.

A posible fusión do BBVA e é un novo chanzo no proceso de reconversión bancaria, un proceso de concentración con efectos demoledores sobre o emprego, pero tamén moi negativo para o conxunto da sociedade. A día de hoxe, cando comezan os traballos por parte de ambas empresas para analizar canto persoal despedirán, nós xa estamos facendo a nosa labor sindical.

A reconversión do sistema financeiro é un fracaso, cada vez hai entidades máis grandes pero de escasa rendibilidade e dependentes do apoio público. Un modelo que non responde a necesidade de servizo da cidadanía, nin as necesidades financeiras dos sectores produtivos. Como veñen insistindo dende o BCE e dende as patronais bancarias, só buscan garantir rendibilidades de 2 cifras ao accionariado dos bancos. Pero para conseguilo están matando a galiña dos ovos de ouro.

As oficinas eran a vantaxe competitiva fronte á banca na sombra. Pero os propios bancos están adestrando a clientela, forzándoa a dixitalizarse, restrinxen servizos (onde está a CNMV?) e, incluso a quen demanda servizos presenciais, cóbranlle comisións abusivas para que non vaian as oficinas. No fondo, prepáranlle o camiño ás grandes tecnolóxicas, a clientela coa dixitalización perde a vinculación co banco.

Ese proceso de reconversión, fusións e dixitalización forzada é demoledor para o emprego, por iso a nosa premisa ante a posible fusión pasa por defender os postos de traballo aquí, a nivel galego. Defenderemos seguir dando servizos presenciais á clientela, que son unha garantía de emprego e as colas nas portas dannos a razón. Enfronte falarán de duplicidades de oficinas, que levarán a peches masivos (cando sumas bancos 1+1 nunca son 2), pero hai sobre carga de traballo e fanse horas extraordinarias arreo, aquí non sobra ninguén.

E fronte ao modelo centralista de banca focalizado en Madrid, dende a CIG defenderemos o mantemento dos poucos postos de traballo nos pequenos SS.CC existentes a nivel galego, e o mantemento do modelo descentralizado dos postos de xestión remota.

Os que deseñan a fusión, só pensan nos seus intereses: no reparto de poder. Buscarán reducir persoal (os e as que producimos somos un «gasto» a recortar). É moi preocupante que mentres dende Organismos Públicos se impulsa o proceso de reconversión, se permitan salarios, plans de pensións e blindaxes multimillonarios dos Directivos e sigan vixentes as reformas laborais que nos aplican a quen suamos a camiseta.

Eses que pelexan pola poltrona e os privilexios, e que se saen do futuro banco, farano «en canoa», saben que para a CIG hai unha liña vermella: non aceptaremos nin un só despedimento directo ou encuberto.

Se hai fusión, fronte ao reparto de poder, o «pacto dos galos», nós defenderemos que se tomen medidas por arriba, e que sexa unha oportunidade para avanzar en igualdade. Os homes que nos trouxeron até aquí, non poden ser os que nos dirixan no futuro.

Por último advertirvos que haberá sindicatos que dirán que defenden un proceso dialogado e pactado; ollo con eses, serán os que asinarán os despedimentos dos compañeiros e compañeiras. Por lei este tipo de procesos deben ser negociados, o que non obriga ningunha lei é a que os sindicatos comulguemos coas «rodas de muíño» das Direccións.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 201117 [.pdf • 266 kB]



Ningún comentario: