24 de novembro de 2020

Descoidar a quen coida é Violencia Machista

25N 2020

Que sería de nós sen as persoas que limpan, curan e coidad das persoas enfermas, das crianzas ou das persoas dependentes? Que valor teñen para a sociedade este tipo de funcións cando se converten en profesións? Que valor lles damos cando estes labores son realizados de balde, por persoas da nosa familia ou entorno máis próximo? Son ou non traballos esenciais para a comunidade?

A pandemia derivada da puxo de manifesto a importancia do traballo doméstico e de coidados. Mais o papel predominante das mulleres como coidadoras no ámbito familiar e traballadoras de atención sanitaria de primeira liña, expuxo ás mulleres de maneira desproporcionada ao coronavirus.

Aínda que a mortalidade foi maior nos homes, o impacto económico e social foi superior no caso das mulleres, ao sermos maioría no sistema sanitario e social. Enfermeiras, xerocultoras, médicas, farmacéuticas, celadoras, persoal de limpeza e cociña, persoal do comercio de alimentación…, estiveron sobrexpostas ao contaxio, véndose obrigadas a asumir, ademais, unha sobrecarga de traballo físico e psicolóxico.

Paralelamente, tamén estamos maioritariamente empregadas en sectores precarios do mercado laboral (atención en comedores, acompañamento en buses escolares, servizos de conciliación, emprego doméstico, hostalaría, limpeza e comercio…) onde a precariedade se disparou no contexto da crise, coa consecuente perda do emprego e desprotección social, deixando as mulleres nunha situación de maior vulnerabilidade.

E todo isto aconteceu sen que os homes se fixeran cargo das tarefas de coidado de xeito corresponsábel, asumindo nós o peso fundamental do sistema de coidados tanto nos traballos formais (saúde, limpeza, traballo social, comercio de alimentación…) como nos informais (tarefas de coidado do fogar, coidado de persoas dependentes, axuda nas tarefas escolares para manter a educación das crianzas durante a pandemia, por poñer varios exemplos).

O peche dos colexios, dos centros de día, dos centros de atención a persoas con diversidade funcional, xunto coas limitacións de desprazamento e contacto con persoas que habitualmente colaboraban nas tarefas de coidado (maioritariamente as avoas e avós) por mor do confinamento, traducíronse nunha sobrecarga de traballo non remunerado, que asumimos de xeito maioritario as mulleres —afectando especialmente a aquelas que forman parte de familias monoparentais—, en moitos casos véndose obrigadas a reducir en parte ou totalmente a súa xornada e por tanto desposuíndoas de calquera ingreso, —sobrecargando con triplas xornadas as traballadoras esenciais, e aquelas que tieveron— que compaxinar estas responsabilidades co teletraballo, e expoñendo a episodios de violencia (sexual, física e psicolóxica) as vítimas de violencia machista.

Se analizamos os datos económicos, comprobaremos unha maior perda de ingresos e emprego nas mulleres, e un aumento da precariedade na economía submerxida. Isto vai parello a un desequilibrio tamén na resposta á pandemia. A pesar de ser o piar do sistema de coidados, as mulleres non fomos obxecto dunha protección especial durante a crise sanitaria. E pese ao ocorrido, non se puxeron en marcha políticas públicas destinadas a reducir a fenda de xénero, non se reforzaron nin se revalorizan as profesións relacionadas cos coidados, non se lexislou ningunha medida destinada a garantir os dereitos de coidados das persoas.

Lonxe quedan os aplausos ao persoal sanitario, ás xerocultoras, ou ás traballadoras dos supermercados. Os poderes públicos non adoptaron medidas sociosanitarias nin económicas con perspectiva feminista nin de clase. O capital foi o que xestionou a crise sanitaria e que ditou a resposta a esta.

Tomáronse medidas urxentes como o peche de colexios, centros de atención a persoas con diversidade funcional, centros de día, e seis meses despois, seguen sen poñerse en marcha permisos retribuídos para aquelas persoas traballadoras que teñen que facerse cargo de persoas enfermas, en corentena ou necesidades de atención e coidados con carácter urxente. Situación que é especialmente grave no caso do persoal que traballa na sanidade e nos servizos sociosanitarios, maioritariamente feminizados, ao que se lle denega poder facer uso dos mínimos dereitos de conciliación.

Dende a CIG levamos décadas exixindo o recoñecemento e a revalorización do sistema de coidados, instando á mellora das condicións laborais do persoal deste sector, demandando a creación dun Sistema público galego de servizos de atención ás persoas, porque os recursos e os servizos sociais teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco desvalorizada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerado un servizo esencial para a cidadanía a prestar pola administración pública galega en condicións de calidade asistencial para as persoas usuarias e con condicións de traballo dignas e estábeis para as persoas traballadoras.

Por todo o exposto convocamos concentracións o 25 de novembro ás 12 horas, e facemos un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista galego durante a xornada do .




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Díptico 25N 2020 [.pdf • 539 kB]



Ningún comentario: