29 de abril de 2020

Covid-19: xuntanza mesa informativa de RR.LL

Compañeiras/os,

Achegamos resumo e propostas da CIG na xuntanza da mesa informativa de RR.LL polo Covid–19, celebrada o 28 de abril.


  1. Proba piloto de test
  2. Proceso de desescalado
  3. Oficinas
  4. Teletraballo
  5. Sobre a presión comercial
  6. Estados

1.— Proba piloto de test

Sobre a mostra de 613 persoas (con síntomas e sen síntomas, vulnerables e non vulnerables…) respostaron aproximadamente unhas 500 persoas aceptando participar (máis de cen non contestaron, contactarase con elas para coñecer se non a queren facer ou non prestaron atención ao correo porque precisan facer o estudo).
As probas faranse desde hoxe ao vindeiro martes e sempre en centros próximos á oficina/domicilio.

Co cuestionario específico que se fixo ao persoal en presencial, detectouse persoal pertencente ao colectivo vulnerábel e que está a traballar presencialmente. Pedíronlles que acrediten a vulnerabilidade e incluiranse no colectivo vulnerábel. A quen están a facer a quenda agora, xa se lles enviou este cuestionario específico e isto xa se fará sempre de xeito rutinario.

Estratexia de testeo: todas as persoas que estean de baixa pola Covid–19, unha vez de alta terán que acreditar que lle fixeron o test PCR. Se o Sergas non lle fixo o test, o Banco enviaraos a facer o test antes da incorporación presencial. Quen teña síntomas, terase que manter illado e o Banco decidirá se lle fai o test. Desde a CIG, solicitamos a extensión da realización dos test ás persoas a medida que vaian desconfinando, antes de comezar en presencial.


2.— Proceso de desescalado

Están a traballar no proceso, pero non haberá protocolo fixo porque a situación é altamente cambiante, día a día. Cando teñan o Plan elaborado, compartirano coa Representación Laboral. Traballarase en base aos principios seguintes:

  • Facer o desescalado con prudencia
  • Gradual e progresivo (seguir traballando con quendas sempre que se poida)
  • Sen establecer prazos (dinámico e cambiante), dependendo da evolución da situación en cada momento
  • Con todas as medidas de hixiene e seguridade garantidas
  • Política de identificación temperá dos casos: tests selectivos. Polo de agora non está claro que estean permitidos os testeos masivos.
Están a estudar e valorando novas medidas: cámaras para tomar a temperatura en edificios singulares, apps para ver a trazabilidade dos contactos…


3.— Oficinas

  • As reaperturas e o incremento de persoal nas quendas farase en función da actividade e necesidades comerciais, sempre priorizando a saúde e axustando ao mínimo posíbel o persoal presencial
  • Se hai que reabrilas, terá que ser con todas as medidas de seguridade (desinfección, mamparas, kits, servizo de limpeza…)
  • Iniciáronse xestións para comprar máis máscaras
  • Kit de luvas por se hai que utilizar nun momento puntual

Atendendo ao volume de actividade, vaise axustando o número de oficinas abertas, o número de persoas por quenda, os días de apertura… Gradualmente irase incrementando o número de persoas para dar resposta ao incremento de operacións.


4.— Teletraballo

O Banco manifestou que durante o confinamiento e até máis tempo, manterán o traballo en remoto. Na rede dependerá do negocio. Nos edificios singulares, será máis gradual. Tamén dixeron que implantar o sistema dun xeito máis definitivo estudarase máis adiante en base ao aprendido coa experiencia.

Desde a CIG puxemos moito énfase na necesidade de manter o teletraballo o máximo de tempo posíbel mentres esteamos nesta situación, especialmente para o persoal de colectivos vulnerábeis, quen teñen fillas/os en idade escolar ou que conviven con persoal vulnerábel.

A resposta do Banco foi que para SS.CC o Banco non vén problema en atrasar a incorporación daquelas persoas que non poidan incorporarse por temas de escola, vulnerabilidade… e alargalos en teletraballo. Pero que ás oficinas está custando establecer as quendas, porque hai moita xente vulnerábel, de baixa… e se non poden ir presencialmente terán que buscar solucións (excedencias, redución 100 % do tempo e salario…).

Desde a CIG lamentamos a carencia de sensibilidade e diferenza de trato cara á rede: non consideramos xusto que o custo destas situacións, na rede, recaian só sobre o persoal. Hai que buscar medidas compartidas e o teletraballo e unha maior flexibilidade serían unha boa solución.


5.— Sobre a presión comercial

Desde a CIG queixámonos da sobrecarga de traballo e presións dalgúns responsables na rede comercial: o Banco dixo que a situación é complicada, que a rede vai moi tensionada (que falta persoal presencial e mans para facer o traballo). Dixeron que toman nota para trasladalo aos responsables da área Comercial para que se baixe unha mensaxe a través da estrutura xerárquica, para evitar estas situacións. Tamén nos dixeron que comuniquemos os casos concretos onde se detecte un exceso de presión.


6.— Estados

Datos de vulnerabilidade a 24/04/2020
Produciuse unha nova defunción dun compañeiro do banco, con patoloxías previas (DEP †).

Vulnerábeis: 1737 persoas
Por idade: 810 persoas
Por patoloxías: 927 persoas

Non vulnerábeis: 1.105 persoas (persoas de baixa por síntomas Covid, persoas de baixa por accidente laboral, continxencias comúns, permiso coronavirus…)
Total de persoas de baixa por Covid19 confirmadas pola Seguridad Social : 293 persoas a esa data.

Indícannos que hai moitos casos de empregados vulnerábeis así recoñecidos polo Banco que non coinciden co que establece o Ministerio de Sanidade e a Seguridade Social non dá a baixa: maiores de 60 anos, embarazadas… Comentan que isto é un custo moi grande polo banco que non poderán estender no tempo. Din que hai que empezar a pensar en 2 vías de actuación:

  • Vacacións, permisos retribuídos recuperábeis…
  • Traballo en remoto: é por este camiño o que lle gustaría avanzar no banco, pero tamén di que haberá que buscar fórmulas creativas e ser flexíbeis

Datos actuais oficinas a 28/04/2020
  • Abertas ao 100 %: 394 oficinas
  • Abertas a días: 432 oficinas
  • Pechadas: 1.765 oficinas (68 %)
Oficinas abertas: 820 de Banca Comercial e 6 de BEC
Oficinas pechadas: 1.755 de Banca Comercial e 10 de BEC

Empregados en presencial a data de 29/04/2020
Banca Comercial: 1.777 persoas (12,15 %)
BEC: 137 persoas (11,45 %)



Seguimos a facer seguimento permanente da situación. Tanto as delegadas e delegados que están traballando presencialmente nas oficinas como as/os que están de retén nos seus domicilios estamos á túa disposición. Podes contactar connosco cando o consideres (correo, teléfono, Whatsapp, Telegram…)

Recibe unha notificacion dos nosos comunicados no teu correo electrónico persoal ou ben, subscríbete ao fío de noticias do blogue (e mantente ao día desde casa) en  ir.gl/RSSemail  

Cumpre rigorosamente as medidas ditadas polo Servizo de Prevención de BBVA e polos organismos oficiais.
A nosa saúde e a dos/das nosos/as e clientela é o máis importante.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]






Ligazón relacionada:




Ningún comentario: