18 de xullo de 2019

Á AEB non lle interesa o Rexistro Horario

Presentismo ou prolongación de xornada?

A patronal afirma que o Real Decreto ten como obxectivo prioritario acabar cun problema cultural «o presentismo no posto de traballo». Esquece que este sindicato foi promotor no Congreso dos Deputados do proxecto de lei que finalmente se concretou na nova norma que obriga o rexistro de xornada, e que o noso obxectivo e o da norma, é rematar coas Prolongacións Ilegais de Xornada, endémicas no sector financeiro.

Na reunión do día 16, presentamos por escrito a nosa propia proposta. Negámonos a que se poña en marcha un rexistro autodeclarativo, que choca de fronte coas esixencias e pretensións que a norma establece, isto é, un modelo obxectivo e fiable que remate coas prolongacións ilegais da xornada. Non se pode trasladar ao persoal unha obriga que é única e exclusivamente da empresa.

A nosa proposta baséase en que os bancos xa contan con sistemas de rexistro de xornada, tales como as «tarxetas» de entrada a través de «tornos», especialmente no SS.CC e claves de usuario/a e contrasinal. Calquera acceso ao sistema informático tanto nas oficinas como dende os móbiles, portátiles ou outro tipo de soportes facilitados polo banco, faise coa introdución dunha clave persoal e intransferible e un contrasinal.

Este é o sistema de rexistro máis fiable: as operacións quedan reflectidas co día, hora e segundo de quen as realiza. Non permite alteración ou manipulación e rexistra o traballo efectivo real sen ningún xénero de dúbidas. Ademais, a sesión da persoa usuaria debe pecharse se fai unha pausa ou se ausenta do centro de traballo.

Isto, xunto con outras particularidades, foi o que lle trasladamos á AEB e ao resto de sindicatos presentes. A maioría da representación sindical mostrouse de acordo en rexeitar, nun inicio, o sistema autodeclarativo que propón a patronal. Aínda que amosaron disposición, no caso dos sindicatos con maior representación, a aceptar ese modelo autodeclarativo a cambio de pactar cuestións relacionadas co rexistro de xornada, como pode ser a desconexión dixital ou un código de boas prácticas.

Para a CIG quedou claro nesta reunión que hai un interese principal para a patronal neste proceso: asinar un acordo que, aínda que non responda aos obxectivos que persegue a norma, permita alongar o máximo posible no tempo o estatus actual do sector con milleiros de horas extras sen declarar e cotizar. Na CIG temos claro que non imos aceptar ningún acordo que permita que as cousas non muden no sector e que os traballadores e traballadoras continúen indefensas e se vulneren dereitos fundamentais.

Seguiremos facendo valer aquilo de «Patronal, atende, a CIG non se vende»




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Convenio Galego Xa!
Comunicado 180719 [.pdf • 65 kB]

Ningún comentario: