22 de decembro de 2017

Os mellores desexos

Remata 2017 e, desde a CIG, enviámosvos os nosos mellores desexos para o vindeiro ano. E non queremos deixar pasar a ocasión para facer balance do que non queremos repetir, para que o ano que entre sexa realmente un ano mellor que o que queda atrás:


  • En 2018 entrarei e sairei á miña hora. Adeus as horas extras ilegais non pagadas nin compensadas. A miña familia vai poder gozar da miña presenza e vou deixar de ser unha foto no móbil que aparece cando chamo para poder saber se as miñas crianzas están ben atendidas na gardaría ou, no mellor dos casos, polo avó ou pola avoa.
  • Quero que desaparezan os Drive e Seguimentos na oficina, onde figura á vista de todo o mundo o que fixeron, ou deixaron de facer, os compañeiros e compañeiras; as reunión agoniantes de primeira hora onde o único que preguntan é o que vas facturar hoxe en fondos, seguros e vendas dixitais.
  • Quero un xefe ou unha xefa que ante todo sexa persoa, que saiba filtrar a cascada de presión, que escoite e traslade cara arriba, que facilite o meu labor e me felicite polo bo traballo e non só me diga constantemente o que non fixen.
  • Quero traballar nun entorno seguro e limpo para a miña saúde; que se avalíen como é debido os riscos psicosociais (que os hai, e moitos), e que non me teña que preocupar porque desde que entro na empresa, a miña rinite vai a peor.
  • Quero esquecerme dos despedimentos inxustificados e inxustos por «baixo rendemento» (sen ser tal) e do «pool», coma cousa do pasado, porque o único que conseguiu esa cultura do medo e do terror foi desanimarme… Porque traballar pensando que se está no punto de mira, non me axudou en nada a cumprir os meus obxectivos.
  • Non quero volver preocuparme por máis cambios e reestruturacións. Un traballo ben feito require continuidade. A clientela agradece ter unha cara coñecida e non ter que aturar que, cando te empezan a coñecer, xa te están mudando a outra oficina. Este oficio vai de confianza e para iso, precísase tempo.
  • Do departamento de RR.HH, desexo que teña o Talento que precisan para xestionar o recurso máis valioso da empresa: NÓS, e a Cultura necesaria para non esquecer os dereitos laborais, que algúns aínda quedan, e nos traten coma persoas e non peóns que mudar nun taboleiro ao antollo do interese da empresa, sen ter en conta o noso propio. Que rematen co teito de cristal e dean a oportunidade ás compañeiras de chegar á altura das súas capacidades.

Felices Festas, compañeiras e compañeiros.
O mellor do ano pasado e do que vén, foi e será:
O cadro de persoal do BBVA.



➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 171222 [.pdf • 2'37 MB]


Ningún comentario: