Na Galiza preto de medio millón de persoas están baixo o umbral de probreza, e desta cifra, case cen mil son menores de 18 anos, segundo Cáritas. Cada mes máis de 150 familias perden a vivenda.
Políticas promovidas desde a Unión Europea, coa colaboración da Xunta de Galiza e do Goberno Español, están estrangulando a economía galega, a nosa pesca, o noso sector agrogandeiro, o sector naval, o sector do comercio ou o noso sector financeiro.
O noso pobo sofre un éxodo propio dun país empobrecido, colonizado e utilizado como man de obra barata para os países ricos e as grandes multinacionais que gobernan Europa.
O número de desempregados/as alcanza cifras históricas, 280 mil persoas no desemprego, o 22% da nosa poboación activa. Desde o inicio da crise, máis de 100 mil galegas e galegos, principalmente mozos e mozas menores de 35 anos, marcharon á emigración en busca de traballo.
Con eles, o desemprego real supera o 30% . Un dato que a Xunta oculta e manipula.
O PP está a gobernar abertamente en favor dos intereses dos grandes poderes económicos, aportando miles de millóns de euros do erario público para axudas á banca (107.000 millóns de euros); convertendo o ensino, a saúde, a asistencia social e as pensións en negocio para o capital privado; afondando nunha política fiscal inxusta que incrementa os impostos indirectos e rebaixa os impostos directos ao capital; promovendo contrarreformas laborais que só buscan rebaixar salarios, facilitar os despedimento e substituír contratos fixos e a xornada completa, por contratos temporais ou a tempo parcial, incrementando así os beneficios e o poder da patronal e empobrecendo e debilitando á clase traballadora.
Diante da contestación social, fronte a estas políticas antiobreiras e antisociais, o PP opta pola represión e polo recorte das liberdades públicas, a través da modificación do Código Penal e da Lei de Seguridade Cidadá, situándonos diante dun auténtico estado policial que en moitos aspectos retrotráenos á época franquista.
O capital, a nivel internacional, está a aproveitar a súa propia crise sistémica para afondar nas políticas ultraliberais que conducen a máis desigualdades sociais e a unha maior concentración e centralización da riqueza e do poder. Para iso non reparan en promover recortes de dereitos, de liberdades e en vulnerar a soberanía dos Estados, mesmo recorrendo a provocar e financiar guerras que destrúen países e deixan unha estela de miles de mortos e millóns de persoas desprazadas.
Cómpre, polo tanto, a loita solidaria da clase obreira de todo o mundo, desde a súa propia realidade e autoorganización, contra este sistema socioeconómico capitalista, na procura da conquista doutro modelo de organización económica e social máis xusto, solidario e democrático, que garanta un reparto igualitario da riqueza e que sexa respectuoso co dereito á liberdade e soberanía de todas as nacións, incluída a galega.
Participa na manifestación do 1º de Maio, participade nas nosas manifestacións:- A Coruña: praza de Vigo, 12:00 h.
- Compostela: Praza Roxa, 12:30 h.
- Ferrol: Av. de Esteiro, 12:00 h.
- Ribeira: praza do Peixe, 12:00 h.
- Lugo: ronda da Muralla, 12:00 h.
- Cervo: Diante da Fábrica de Sargadelos, 12:30 h.
- A Mariña: Av. Arcadio Pardiñas 137, 12:00 h.
- Ourense: Pavillón dos Remedios, 12:00 h.
- Pontevedra: praza da Ferrería, 12:00 h.
- Cangas: praza do Concello, 19:00 h.
- A Estrada: praza do Concello, 12:00 h.
- Vigo: Cruce da Doblada con Urzaiz, 11:30 h.
- Vilagarcía de Arousa: casa do Peixe, 11:00 h.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario