31 de decembro de 2011

Un 2012 marcado pola reforma do sistema financeiro e a nova contrarreforma laboral e da negociación colectiva

Na axenda do novo goberno do Estado, seguindo o mandato da UE e dos gobernos alemán e francés, figuran dúas cuestións que afectaran aos traballadores e traballadoras do sector financeiro:


  • Unha nova reestruturación do sector na que pretenden reducir o número de entidades e polo tanto postos de traballo, cando xa estamos asistindo a despedimentos colectivos.
  • Unha nova reforma laboral e da negociación colectiva que facilitará aínda mais ás empresas reducir de xeito drástico as condicións laborais e de xeito traumático os postos de traballo.

Cando na actualidade varias Entidades puxeron por riba da mesa despedimentos colectivos ERE's, que contemplan baixas incentivadas forzosas (despedimentos puros e duros), ameazando incluso con despedimentos obxectivos, o novo goberno prepara unha nova reestruturación que afectará a practicamente a todas as entidades, un motivo de alarma laboral.

Si no pasado a saída dos “excedentes” dos procesos de concentración foi a través de prexubilacións, desta volta a anterior reforma laboral facilitou a aplicación de ERE's que inicialmente puñan o acento nas prexubilacións, pero que agora son de despedimentos.

Pretenden sanear entidades con recursos públicos e unha vez reestruturadas (reducindo os cadros de persoal con despedimentos e recortando os salarios e dereitos), que sexan regaladas. Significativo é o caso da CAM saneada e a piques de sufrir unha reestruturación laboral, (que foi vendida por 1 euro ao Sabadell). [.pdf] 191 Kb

Neste senso estamos ante actuacións ideolóxicas, que beben no neoliberalismo mais radical defendidos polos «popes» da UE. A posición da CIG está nas antípodas deste radicalismo mesiánico ultraliberal:

  • Calquera inxección de recursos públicos debe ter como obxectivo a consolidación dunha banca pública. Os recursos que se asignen para o saneamento de Entidades debe dar paso a Entidades Públicas que unha vez saneadas estarán en disposición de financiar ás pequenas e medianas empresas e a particulares facilitando a saída da crise.
  • As axudas públicas, non poden estar condicionadas á que as entidades despidan e recorten dereitos como ten decidido a UE. A inxección de recursos públicos debe ter coma obxectivo o mantemento do emprego.
  • A política de concentración do sector é un erro, a doutrina «too big to fall» (demasiado grandes para caer) demostrouse errada. A concentración do sector está creando Entidades sistémicas, monstros pouco operativos, deixando polo camiño milleiros de postos de traballo. En todo caso o que crean son entidades «demasiado grandes para que poidan non ser rescatadas con recursos públicos». Fronte á concentración imposta pola visión política neoliberal apostamos pola existencia das actuais entidades de pequeno e mediano tamaño, como maior garantía dos postos de traballo, pero tamén dende o convencemento de que son precisas para manter o financiamento ás pequenas e medianas empresas e particulares. (As grandes entidades só benefician ás macro-empresas, xa que se constitúen para facilitar o seu financiamento).
  • Fronte as ameazas que teremos que afrontar ao longo do ano 2012 a CIG aposta pola participación dos traballadores e as traballadoras e pola mobilización coma instrumentos para frear as patronais aos seus gobernos lacaios e aos burócratas de Bruselas; e para fortalecer a posición sindical nas distintas negociacións que deberemos afrontar. O modelo sindical pactista e colaboracionista, que tan ben representan as cúpulas de CC.OO e UGT, abocan a unha maior debilidade sindical nun momento de dura reconversión. Son modelos sindicais que non valen para o novo escenario social e laboral.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Ningún comentario: