Como era de esperar, a xente que quedou traballando en agosto está derreada e a que volta de vacacións desganada, ao ver que a maquinaria do CLIMA e o PEIT non se detén...
Pero iso si, na liña de transparencia habitual, a información oficial é inexistente, e os prognósticos e rumores non deixan de aparecer:
- A implantación do proxecto en BEC é, ao parecer, inminente, e como sempre, xa que lles funciona, tentarán comunicar as cousas a última hora e sen posibilidade de discusión ao colectivo afectado.
- Asemade, xa sabedes que a renovación das contratacións temporais xa non é segura; de feito, houbo varias persoas ás que non se lles renovou, e outras para as que a súa continuidade dependía do seu traslado a Madrid.
- De todos os xeitos, xente debe haber de sobras, xa que nunca tanta cobertura temporal de persoal se denegou, ¿ou é que xa temos tantos ETTs e contratacións eventuais permanentes nas caixas que BBVA non pode asumir máis sen chamar a atención?
-Outro tema incrible no seu desenvolvemento, foi o peche de oficinas en agosto, con cartóns de firmas metidos en caixas de folios amoreadas pola oficina, imposibilidade de traballar cumprindo a normativa, e con reclamacións constantes da clientela.
-A auditoría, pola súa banda, segue a facer expedientes poñendo moito interese en aspectos nos que a permisividade fixo costume durante anos... vivir para ver.
En fin... que co ambiente enrarecido polos comentarios a media voz, que poden oír algunhas persoas si e outras non, o prognóstico é malo con tendencia a empeorar.
Como sempre, dende a CIG tentaremos facerlle fronte, pero entrementres, e como medidas de protección contra as posibles “tormentas” de fin de verán, velaí algún consello:
- Normativa: Hoxe en día, a nosa mellor defensa do posto de traballo é o cumprimento estrito da normativa, incluso máis que a produtividade que, como xa sabemos, manipulan a vontade.
- Documentación: Ante anuncio de traslado ou cambio de función, gañade tempo, solicitádeo por escrito.
- Distancia: De saída, podédevos negar a un traslado a máis de 25 km.
- Negociación: Se vos ofertan algo, pensade se vos interesa ou non, e negociade as condicións ANTES de aceptar. E claro, POR ESCRITO.
- Representación Sindical: Estamos aquí para vos axudar. Ante calquera dúbida ou problema, recorrede a nós. Tedes dereito a que a representación sindical estea presente canda vós nas conversas coa empresa.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario