O pasado día 30 de abril, dende a CIG presentamos unha denuncia contra o BBVA na Inspección de Traballo de A Coruña pola escaseza, imprecisión e atraso do banco na entrega de información sobre a implantación e contido do Proxecto CLIMA.
Na denuncia se lle expón á Inspección, como se informa de xeito verbal á CIG nunha reunión aparte de outros sindicatos, de cambios organizativos globais e moi relevantes polos que desaparecen postos como o de JGAC ou JGO entre outras cousas.
Asemade, se comenta o feito de que non foron comunicados cambios organizativos anteriores que supuxeron a desaparición e externalización de departamentos completos, no inicio da implantación do PEIT.
En numerosas ocasións se lle requiriu por escrito información á empresa, facendo esta caso omiso das nosas peticións. Desta volta, en concreto, se pediu información nunha carta de data 17 de abril que segue sen resposta.
Na comparecencia que tivo lugar o 23 de maio, estiveron presentes, ademais da CIG, o resto de sindicatos que forman parte do Comité de Empresa da provincia de A Coruña e a xefa de RR.LL da UTRH Noroeste por parte da empresa.
A Inspección de Traballo recoñeceu que se trata dunha REESTRUTURACIÓN, e que EXISTE OBRIGA DE INFORMAR Á REPRESENTACIÓN SINDICAL, polo que requiriu á empresa para que o fixera nun prazo de 15 días.
Ante a pregunta á empresa para que conste en acta de se serán externalizados os postos de caixa, a representante de BBVA acóllese á tan gastada xa fórmula do «a día de hoxe non sei nada». Que información é esa? Quen pode confiar no que ocorrerá mañá?
A día de hoxe non sabemos o que lle contestou BBVA á Inspección, pero aínda que tivemos reunións con representantes de RR.LL tanto de Madrid como da nosa UTRH, o certo é que non concretan as respostas, cando o fan é verbalmente e en termos que ofrecen saídas e interpretacións e, dende logo, non facilitan información por escrito.
Visto o visto, a inexistencia de transparencia non crea en nós máis que desconfianza no que poida ocorrer nun futuro.
Con todo, é unha vitoria e un recoñecemento dos nosos dereitos. BBVA parece acostumado a actuar con impunidade, como se as súas accións nunca lle foran pasar factura. Como vedes, non sempre é así. A unión, a constancia e o respecto á legalidade serán as nosas mellores defensas.
Non imos quedar calados nin quedos. Seguimos na loita. Contamos con todos e todas vós.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario