O pasado día 5, representantes dos traballadores e traballadoras de Galiza, Portugal e Reino Unido mantiveron unha reunión para tratar de unificar criterios fronte ao proceso de reconversión do BBVA en toda Europa. Franceses e vascos xa anunciaron o seu apoio a esta iniciativa sindical.
O BBVA ten en marcha un proceso de reconversión polo que pretende desfacerse de milleiros de postos de traballo en toda Europa, 400 en Galiza. Ante esta situación a Confederación Intersindical Galega (CIG) impulsou, coincidindo coa celebración dun Comité de Empresa Europeo en Lisboa, unha cimeira sindical na que CC.OO e UGT rexeitaron participar.
O Comité de Empresa Europeo do BBVA naceu o 1 de decembro de 2001, coincidindo coa celebración do III Congreso da CIG Banca en Allariz, como unha iniciativa da Confederación Intersindical Galega (CIG) en Galiza e da Comissão de Trabalhadores (CT) do BBVA en Portugal. Posteriormente CC.OO e UGT que inicialmente boicotearon a creación do Comité Europeo, conseguiron que o Banco deixara fora ao sindicato galego.
Os sólidos contactos establecidos daquela permitiron que agora, ante a reconversión iniciada polo BBVA en toda Europa, se celebrase a Cimeira Sindical de Lisboa.
Na reunión estivo presente unha representación da Sección Sindical da CIG no BBVA composta por Luciano Luxilde e Teresa Richard, xunto coa Comissão dos Trabalhadores de Portugal e representantes do Comité de Empresa do BBVA no Reino Unido. Posteriormente os sindicatos vascos ELA e LAB e os franceses da CFDT anunciaron que se sumarán á iniciativa.
Dende a Sección Sindical da CIG no BBVA denunciaron que coa súa negativa a participar nun proxecto de unidade sindical europeo, CC.OO e UGT amosan o seu rancio españolismo centralista e provinciano, así como o seu sometemento á Dirección do Banco. Neste senso denuncian que BBVA, CC.OO e UGT teñen intereses económicos en común, xa que son socios na maior xestora de fondos de pensións privados do Estado español.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario