27 de decembro de 2007

Bo Nadal e mellor entrada de ano

Chegan as datas de Nadal e o remate do ano, o do 150 aniversario BBVA (por certo, e as accións que tanto se pediron?)

É momento de facer balance e reflexionar sobre o acontecido neste 2007 que non foi pouco…

  • O Convenio de Banca foi asinado con subas salariais máis que insuficientes e un cuarto de paga minguado para o persoal procedente da antiga Arxentaria.
  • O Acordo de Beneficios Sociais chegou tarde, mal, e facendo que cada colectivo sinta que foi o máis prexudicado: liquidación á baixa de premios de antigüidade, desinformación do sistema que substituirá aos apartamentos… e tomade nota: as persoas que dende o 1 de xaneiro de 2008 pasen a ser viuvos e viúvas de persoal BBVA, NON TERÁN DEREITO A BENEFICIOS SOCIAIS.
  • A externalización de servizos, os caixeiros, o peche do DEX, a experiencia piloto co servizo de caixa en Madrid e a promesa de trasladar a OP Plus (no que a xente ten contrato fóra do Convenio de Banca) todo o que se poida do traballo de administración. Quen vai quedar traballando para o banco?
  • A transformación do obxecto social, cada día é maior a diversidade de produtos que temos que vender; electrodomésticos, depilación, xoias… e produtos financeiros? Ao parecer, e dado que queren sacar o labor administrativo da rede, queren transformarnos en meros puntos de venta de todo e do que sexa.
  • A publicidade corporativa, a Paixón que BBVA sinte polas persoas, e a calidade de vida que se vende aos inversores como valor engadido e que non é máis que unha fachada, xa que a realidade na rede é que a xornada segue a prolongarse ilegalmente, a igualdade está máis que lonxe de ser unha realidade e os proxectos de conciliación da vida familiar e laboral non pasan de non presionar ás embarazadas (como non fai tanto era habitual).
  • Ós sábados, o día que unhas oficinas pechan e outras non, coa confusión e inxustizas que xa crea e as que están por chegar. Segundo o que se comenta nos cremos que é unha porta que queren abrir para lexitimar a desregulación do horario de . Pensádeo ben: SE A BBVA NON LLE É RENDIBLE ABRIR AS PORTAS OU ACENDER AS LUCES OS SÁBADOS… QUE NON O FAGA E QUE AFORRE OS CARTOS, PERO QUE NON PRETENDA QUE AÍNDA LLE DEAMOS MÁIS A CAMBIO.
  • A Política de RR.HH:
    • Na que non se cobren as baixas.
    • Protésenxe a cargos cos que ninguén quere traballar polo seu comportamento.
    • Fórzase moitas veces a prexubilación, e outras tantas non se lle oferta a quen, por circunstancias, incluso a precisa.
    • As fugas á competencia, que non deixan de sucederse pola mala xestión de persoal de BBVA.
    • O persoal que non tivo unha entrevista de persoal en anos e que non consigue melloras nin na súa carreira profesional nin na súa situación persoal… Aínda que poida que algo se acade cando se execute a Sentencia na que se recoñece a obriga do BBVA de facilitar ás Seccións Sindicais información sobre a existencia ou non de vacantes con expresión da categoría do posto e a súa ubicación territorial.

A normativa e os obxectivos, o descoñecemento das normas, as súas contradicións internas e coa realidade diaria, e o seu incumprimento, son fonte de problemas a cotío, así como o exceso de obxectivos e as trampas que se realizan para acadalos, creando moitas veces falsos rexistros da realidade (como por exemplo marcar como que non hai xente nas colas para dar unha boa cifra cando anda o persoal nas caixas sen dar abasto, ou os trucos das campañas do Libretón).

Cremos que son todos estes temas que haberá que seguir de preto o ano que vén, non aceptar máis perdas, e ao contrario, tentar recuperar terreo perdido.

Eses son os nosos mellores desexos para o ano 2008, que esperamos ser quen de levar a bo fin, sempre coa vosa colaboración.

BO NADAL E FELIZ ANINOVO!!!!




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]






Ningún comentario: