Este ano cúmprense os 50 anos das loitas do 72 desde as que construímos a historia contemporánea do movemento obreiro galego, por iso nesta data celebramos o DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA.
Comezaron en Ferrol no mes de marzo, continuadas meses despois en Vigo, e tiveron no asasinato pola policía franquista dos traballadores da antiga Bazán, Amador e Daniel, a maior expresión da represión vivida hai 50 anos. Son os mártires dunha loita pola dignidade e pola liberdade, contra a precariedade das condicións de traballo, por salarios xustos e por defender a negociación colectiva en Galiza.
No ano 2022, 50 anos despois, A LOITA CONTINÚA, coas mesmas reivindicacións nun momento crítico, como o que estamos a vivir.
Consolídanse as peores reformas
A entrada en vigor da nova reforma laboral, da reforma das pensións e doutras reformas que afectan á clase traballadora, teñen lugar cando a carestía da vida chega a cifras históricas, con altísimos prezos da electricidade, dos combustíbeis, dos alimentos e de moitos bens de consumo básicos.
Son reformas nas que nin recuperamos dereitos nin avanzamos en novos dereitos. En verdade estamos ante a consolidación das peores reformas aprobadas polos Gobernos de PSOE e PP na crise financeira, as que se engaden as que están executando o Goberno de PSOE/UNIDAS PODEMOS.
O diálogo social enterra dereitos
É inaceptábel que, habendo maioría parlamentaria e un manifesto clamor popular e obreiro, se aposte por enterrar os dereitos, a través do diálogo social, e non se derroguen estas leis inxustas, non se aproben novas leis coas que se remate coa precariedade, a pobreza laboral, se pare a inflación e se garantan a xeración de empregos, salarios e pensións dignas.
Todas estas políticas son novos instrumentos que veñen favorecer as nefastas políticas do PP e de Feixoo en Galiza, sendo a peor solución para poder afrontar de xeito xusto a crise social e industrial que temos en Galiza, a destrución de emprego e aumento da emigración, e os cambios que se están a dar no mundo do traballo resultado dos procesos da descarbonización e dixitalización, e que todo isto está a ter graves consecuencias na destrución de emprego e de precariedade laboral.
A solución non pode ser máis neoliberalismo, máis recortes para satisfacer as duras esixencias impostas pola UE para acceder a uns fondos europeos que están a utilizar para salvar as grandes empresas e non o conxunto das maiorías sociais.
Por unha saída galega xusta da crise
Neste contexto, e con máis dureza, estamos a confrontar na negociación colectiva, facendo fronte a toda esta situación, así como para impedir que nos rouben o dereito a negociar en Galiza os nosos convenios colectivos, decidindo nós de forma directa e democrática sobre as nosas condicións de traballo e non o fagan as cúpulas sindicais de UGT e CC.OO desde Madrid.
Hoxe, máis que nunca, reivindicamos as orixes de onde vimos, co orgullo de formarmos parte dunha historia colectiva e dunha tradición sindical de loita, que ao longo destes anos nos ten levado a ser o que somos, a primeira forza sindical en representación sindical, afiliación e iniciativa social en Galiza.
Se o 10 de Marzo é sempre unha data combativa para a CIG, 50 anos despois son moitos os motivos e as razóns para que así sexa. Reforzando a mobilización nas empresas e nas rúas para aumentar a nosa capacidade de confrontar, de avanzar nunha saída galega xusta da crise e para facer real o dereito a poder vivir e traballar dignamente na nosa Terra.
Manifestación nacional en Ferrol ás 12 h. desde a porta de Navantia ✰
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario