4 de xuño de 2020

Covid-19: xuntanza mesa informativa de RR.LL

Compañeiras/os,

Achégase resumo da xuntanza da mesa de RR.LL.

  1. Plan de retorno e de continuidade
  2. Horarios
  3. Cambio criterio persoal vulnerábel
  4. Conciliación
  5. Postos de caixa
  6. Varios

1.— Plan de retorno e de continuidade

O Banco considera que agora é o momento de acelerar a reincorporación na rede do máximo persoal dispoñíbel. Cada vez haberá menos quendas, dependerá do persoal dispoñíbel e da organización de cada CBC.

BBVA Contigo serán as/os últimas/os en incorporarse ao traballo presencial e cando se incorporen será podendo manter a distancia de 2 metros.

O Plan de retorno do persoal de SS.CC aínda non teñen definido como e cando será.

Ten que haber elementos de proteccións (mamparas, xeles…) para todo o persoal que traballe presencialmente nas oficinas. Non pode haber ningún traballador/a atendendo ao público sen mampara, iso é indiscutíbel. E se unha oficina non ten mamparas, non se pode abrir. A vindeira semana chegarán unhas 2.500 mamparas ás oficinas e a do 15 unhas 1.500 más. En total haberá máis de 12.200 mamparas.

Tamén chegarán pantallas faciais para as persoas que están máis en contacto co efectivo. Están solicitadas pendentes de distribuír.

No tocante á limpeza das oficinas, manterase coa mesma frecuencia que até agora.


2.— Horarios


  • A xornada continuada reducida até 14:15 h. para todo o persoal presencial en oficinas seguirá até o 12 de xuño. A partir do 15 de xuño horario xeral de 8 a 15 h. e específicos por función.
  • Excepcionalmente do 15 de xuño a 15 de setembro poderase facer xornada partida ou continuada a opción do/a traballador/a para as persoas en xornada flexíbel partida na rede e SS.CC. Tanto para traballadores/as en presencial como quen estea en remoto.


3.— Cambio criterio persoal vulnerábel

Indican que hai problema de dispoñibilidade de persoal para a atención nas oficinas abertas e que cambiarán os criterios de vulnerabilidade que indican que até agora foron moi amplos. Polo que, desde mañá mesmo o criterio de clasificación de vulnerábeis será:

  • Perfil de risco alto
    Seguirán en remoto. Quen teñan as patoloxías severas:
    • Cancro en tratamento activo
    • Embarazo con complicacións ou comorbilidade
    • Maiores de 60 anos con patoloxía descompensada
    • Persoas con 2 ou máis das seguintes patoloxías: enfermidade cardiovascular/hipertensión, diabete, enfermidade pulmonar crónica, enfermidade hepática crónica severa, insuficiencia renal crónica, obesidade (IMC maior de 40), inmunodeficiencia.
  • Perfil de risco medio
    Aptas/os para traballo presencial. Con estas patoloxías:
    • Enfermidade cardiovascular/hipertensión arterial con patoloxía controlada
    • Diabete con patoloxía controlada
    • Enfermidade pulmonar crónica con patoloxía controlada
    • Enfermidade hepática crónica controlada
    • Enfermidade renal crónica controlada
    • Maiores de 60 anos sen patoloxía ou con patoloxía controlada

Non traballarán en presencial, agás se fose necesario porque aínda se necesitase xente e sempre co ditame dos Servizos Médicos, as persoas con algunha destas patoloxías: inmunodeficiencia ou tratamento de inmunosupresión con patoloxía controlada, embarazo sen comorbilidade e maiores de 60 anos con máis dunha patoloxía.

As cartas para solicitar a reincorporación voluntaria por parte de vulnerábeis quedarán sen vixencia. Segundo o Banco, o que se pretendía era esquivar a responsabilidade penal do Banco se alguén se quería reincorporar, pero en ningún caso forzar a reincorporación.


4.— Conciliación

Aspecto moi complicado, especialmente para quen ten fillas/os en idade escolar, comportando moitas dificultades para o traballo presencial, pero o criterio do Banco non varía. Din que seguirán valorando caso a caso si se pode ou non seguir traballando en remoto. Din que analizarán os casos con causas máis críticas, de xeito individual, par tentar atopar solucións ad hoc.

A Lei xa establece medidas, pero custosas para a traballadora, e o Banco di que non pode colaborar polas dificultades do momento. Indican que se fixo un grande esforzo (non se fixo ningún ERTE…), incluso axudando economicamente a provedores, e hai que saír adiante. Falan da posibilidade de actualizar o Acordo de Teletraballo a partir de setembro.

Facédenos chegar os casos de conciliación críticos para podelos xestionar con T&C.


5.— Postos de caixa

Sinalan que se incrementou a xestión remota e canles dixitais, polo que, a atención nas oficinas virará ao redor dos 3 eixos seguintes:

  1. Apertura de todas as oficinas, coa reincorporación do máximo persoal posíbel. Coordinado coa disposición de mamparas, kits de limpeza… e a situación de apto ou non das/dos empregadas/os. Informarase a través da escala xerárquica.
  2. Citas previas: seguirase xestionando con cita previa para todos/as os/as clientes.
  3. Redución horarios caixa (de 8:30 a 11 h.) en todas as oficinas desde mañá mesmo. Novas funcións para o persoal de caixa (GAC e RAC) a partir das 11 h.

Manifestamos o noso absoluto desacordo con esta decisión do Banco, considerando que supón unha modificación substancial de condicións de traballo que, necesariamente, implica un proceso negociador coa RLT.


6.— Varios


  • Vacacións: seguen indicando que hai que desfrutalas nas datas marcadas, aínda coincidentes en período de alarma, excepto se hai acordo co/coa responsábel para o cambio. Por parte de CIG consideramos que os períodos coincidentes co estado de alarma poden ser anulados polo traballador/a e solicitar outros, e recomendamos a quen esteades nesta situación e teñades interese noutros períodos de desfrute que vos poñades en contacto connosco.
  • Peches oficinas maio e no verán: os peches previstos de maio quedaron sen efecto e en breve comunicarán novas datas. Non concretan as que pecharán durante o verán, sinalando que aínda están traballando niso.
  • Negociacións laborais pendentes: sinalan que será a partir de setembro o inicio de negociacións dun novo Acordo de Igualdade e Conciliación e actualización do Acordo de Teletraballo.

Novos datos


  • A 3 de xuño: 2.193 oficinas abertas(85 %), 398 pechadas.
  • Semana do 8 a 12 de xuño: prevén 2.256 oficinas abertas con 55 % do persoal de Banca Comercial e 52 % de BEC.
  • Persoal vulnerábel (criterio anterior) a 29 de maio: 2.761 persoas (1.024 por idade e 1.737 por patoloxía, embarazo ou lactancia). Nesa data 377 casos confirmados Covid pola SS (376 vulnerábeis e 51 non vulnerábeis).


Continuamos á vosa disposición, facendo seguimento da situación e informando. Contacta connosco a través de correo, teléfono, Whatsapp, Telegram… cando o consideres.

Recibe unha notificacion dos nosos comunicados no teu correo electrónico persoal ou ben, subscríbete ao fío de noticias do blogue (e mantente ao día desde casa) en  ir.gl/RSSemail  


CUMPRE RIGOROSAMENTE AS MEDIDAS PREVENTIVAS.
POR TODOS E TODAS






Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   http://ir.gl/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       http://ir.gl/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]



Ligazón relacionada:


1 comentario:

Anónimo dixo...

Portal Coronavirus COVID-19

https://docs.google.com/document/d/1NvGuPk8WWkUo6L7Gcoc2UfGMjxnPZWSOCP2UA3gtJlg/edit?usp=sharing