17 de maio de 2020

Covid-19: xuntanza mesa informativa de RR.LL

Compañeiras/os,

Achegamos resumo da xuntanza da Mesa de RR.LL informativa Covid19, así como as propostas da CIG.


  1. Información facilitada polo Banco
  2. Outras propostas da CIG

1.— Información facilitada polo Banco

  • Estratexia de testeo. Continuidade co proceso (PCR e serolóxico) a persoas que se prevé que poden ser sintomáticas polas respostas no cuestionario diario (Respostas cuestionario – Posíbeis síntomas compatíbeis co Covid-19 – Contacto e entrevista telefónica polos Servizos Médicos – PCR e serolóxico ao traballador/a, contactos estreitos e familiares conviventes)

Por parte da CIG seguimos demandando que se estenda a máis persoal a realización dos test, cando menos a quen entra e sae das quendas presenciais. Indican que, cando menos por agora, non é posíbel.

  • Probas piloto (Cámaras termográficas e App. de Rastrexo de Contactos). Iniciaranse a partir do luns 18:
    • Cámaras termográficas nos centros de traballo de Madrid de Paseo Recoletos, Tres Cantos e Cidade BBVA.
    • Rastrexo de contactos a través de aplicación no teléfono móbil para xeolocalización dentro do centro de traballo. Indican que a información será xestionada unicamente polos Servizos Médicos para o rastrexo de contactos, sen concretar se será por GPS ou bluetooth.

Por parte da CIG demandamos máis información para poder emitir informe, e manifestamos que, a priori, a xeolocalización supón unha intromisión na intimidade das persoas coa que non concordamos (á espera de recibir máis información).

  • Persoal maior de 60 anos e embarazadas: segue sendo persoal vulnerábel para o BBVA. Aínda que o Ministerio de Sanidade non os/as considera persoal vulnerábel de non ter patoloxías previas (diabete, enfermidade cardiovascular —incluída hipertensión—, enfermidade pulmonar crónica, inmunodeficiencia ou cancro en tratamento activo), o Banco así o considera. Polo de agora, continuarán sen traballar presencialmente nas oficinas.
  • Desfrute vacacións. O Banco indica agora que o criterio xeral é que se desfruten as vacacións fixadas, aínda coincidindo en estado de alarma, e que non se cambien e atrase o seu desfrute (salvo caso moi xustificado por acordo co/coa responsábel).

Por parte da CIG manifestamos discrepancia con esta manifestación unilateral do Banco dado que se «o obxectivo principal das vacacións é que a persoa traballadora poida repoñerse da fatiga física e psíquica inherente ao desenvolvemento da súa actividade laboral», durante o confinamento e estado de alarma non é posíbel cumprir este obxectivo, xa que nin sequera pode haber desprazamentos entre provincias. Recomendámosvos a quen esteades nesta situación (períodos de desfrute coincidentes co estado de alarma) que vos poñades en contacto connosco de cara a solicitar o cambio deses períodos.

  • Horario xornada laboral presencial en oficinas. Segue a xornada continuada de 8 a 14:15 h. para todo o persoal que traballe presencialmente en oficinas.
  • Persoal con fillas/os menores a cargo (escolas e gardarías pechadas). O Banco indica que coa reapertura de novas oficinas e de máis persoal nas mesmas, por norma xeral terán que incorporarse a traballar presencialmente, e só os casos críticos que por causas moi xustificadas obxectivas e de necesidade serán tratadas polos/as xestores de T&C de xeito individualizado.

A CIG, ao igual que a maioría da Representación Sindical, amosamos rexeitamento a esta decisión da entidade que amosa agora unha total falta de sensibilidade con este colectivo de persoas, nomeadamente mulleres, sen colaborar en absoluto na resolución dun problema non creado por elas. A única proposta da empresa é que reduzan xornada ate o 100 % (proposta do goberno do estado) ou permiso sen soldo. A CIG presentamos como primeira alternativa a extensión do teletraballo para este colectivo até setembro, a flexibilidade (igual que a anunciada para SS.CC), excedencias remuneradas…, pero non pode recaer todo o custo desta situación non xerada polas traballadoras sobre elas unicamente. Por parte da CIG seguiremos traballando nunha mellor resolución desta problemática co resto da Representación Sindical e RR.LL, por nós non vai quedar.

  • Outras informacións: Insisten en que non se reaperturarán oficinas sen todas as medidas de protección (desinfección previa, mamparas, xeles, máscaras…). Distribuiranse protectores faciais para o persoal de oficinas.


2.— Outras propostas da CIG

  • Solicitude de que se comunique ás persoas que se incorporan presencialmente nas oficinas con maior antelación, non practicamente «dun día para outro». Hai cuestións loxísticas (traslado equipo informático…) e familiares (fillas/os…) que cómpre organizar con algo de tempo.
  • Nas oficinas é prioritario dar servizo sobre comercialización de productos, que pode realizarse mediante a modalidade de teletraballo. Neste senso, todas as oficinas abertas ao público deberán manter o servizo de caixa aberto durante o horario de apertura da oficina.

Sinalamos tamén a (i)rresponsábeis que semella que non se decataron que continuamos nunha situación excepcional (crise sanitaria e estado de alarma) e rapidamente voltaron á (a)normalidade anterior co látigo: obxectivacións, seguimentos constantes…

  • Solicitamos reorganización do organigrama do Banco. O Servizo de Prevención debería ser de primeiro nivel xerárquico, primando a saúde e a prevención sobre calquera outro criterio. A saúde non é incompatíbel coa economía.
  • Deberá lembrarse ao persoal que use roupa que poida ser lavada a diario a temperatura de 60 grados, conforme ás recomendacións sanitarias.



CUMPRE RIGOROSAMENTE AS MEDIDAS PREVENTIVAS

O pase á Fase 1 do confinamento non significa que o virus desaparecese, significa que hai prazas libres nas UCI dos hospitais.

Agora máis que nunca, actuemos con moitísima responsabilidade.

POR TODAS E TODOS



Seguimos a facer seguimento permanente da situación. Tanto as delegadas e delegados que están traballando presencialmente nas oficinas como as/os que están de retén nos seus domicilios estamos á túa disposición. Podes contactar connosco cando o consideres (correo, teléfono, Whatsapp, Telegram…)

Recibe unha notificacion dos nosos comunicados no teu correo electrónico persoal ou ben, subscríbete ao fío de noticias do blogue (e mantente ao día desde casa) en  ir.gl/RSSemail  

Cumpre rigorosamente as medidas ditadas polo Servizo de Prevención de BBVA e polos organismos oficiais.
A nosa saúde e a dos/das nosos/as e clientela é o máis importante.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]






Ligazón relacionada:




Ningún comentario: