Desde o ano 2018, esta Sección Sindical veu formulando denuncias contra o BBVA perante as Inspeccións de Traballo das catro provincias galegas, polo coñecido como Pool de Baixo Desempeño e a colección de desmáns, abusos e illegalidades cometidos contra o persoal que o Banco ía metendo nesta listaxe negra (ver comunicado de data 2-11-18)
Mantivemos distintas reunións, tanto na IT da Coruña como na de Madrid a onde finalmente o asunto foi trasladado por entenderse de ámbito estatal. En Madrid, o 12-11-19, tivemos a oportunidade de explicarlle ao inspector que é o POOL, e como o Banco o usa como ferramenta de terrorismo psicolóxico co persoal. Co que xa está dentro e co que está fóra por medo a entrar. Tivemos a inestimábel axuda de compañeiras e compañeiros da Rede de Oficinas de Galiza que, dentro das nosas visitas, nos contaron os seus casos e entregaron diversa documentación, na que podía comprobarse que o abuso e a arbitrariedade eran notorias. Incluso unha compañeira prestouse a facer un escrito describindo os 4 anos que levaba no Pool para entregalo en Madrid, e así o fixemos.
Queremos salientar expresamente a colaboración destas compañeiras e compañeiros. Esta vitoria é sobre todo vosa. Xente valente, de cara e sen medo a poñer freo a esta inxustiza.
Porque hai escasos días o Organismo Estatal da Inspección de Traballo veu de contestar a estas denuncias da CIG e deunos a razón, obrigando ao BBVA a que no prazo de 3 meses avalie as condicións de carácter psicosocial das traballadoras e traballadores adscritos ao Pool de Baixo Desempeño ou en Seguimento (data saída do oficio 05-02-20). Estaremos vixiantes do cumprimento polo Banco deste requirimento.