Persoas comprometidas contigo
Carmen, comprometida contigo
A extensión abusiva da xornada de traballo é un torpedo á conciliación das vidas laboral, persoal e familiar. Deixa en papel mollado o nominal e desfasado Plan de Igualdade
Carmen García / A Coruña
Acadar un grao mínimo aceptábel na conciliación da vida laboral coa persoal e familiar está moi lonxe na realidade actual en BBVA. Especialmente polo abuso na prolongación da xornada real de traballo, baseada nun exceso de presenza nas oficinas e centros de traballo da rede e causada pola imposición de obxectivos comerciais que favorecen a ambición dunha elite pero é imposíbel de asumir dentro da xornada regular por un cadro de persoal encollido. É unha demanda sindical que mesmo vai para alén do ámbito interno da empresa e colle moita transcendencia social polo feito de que, con esta práctica que entra no terreo da vulneración da lexislación en vigor (no tocante aos horarios de traballo acordados no Convenio Colectivo de Banca e na ordenación xeral que marca o Estatuto das e dos Traballadores) estase a producir un fenómeno de inmoralidade e inxustiza coa necesaria política de creación de emprego. E, á súa vez, resulta nun tempo de traballo efectivamente realizado, porén non cobrado, como horas extras de actividade. Unha fraude á recadación xeral do sistema de pensións ou á facenda pública. Aínda máis, produce insatisfacción laboral, falta de motivación, diminución do rendemento e outros moitos efectos contrarios ou patoloxías clínicas que afectan en maior grao ás mulleres, lastrando así o seu dereito á veraz igualdade de oportunidades na carreira profesional.
Produce insatisfacción laboral, falta de motivación, diminución do rendemento e outros moitos efectos contrarios ou patoloxías clínicas que afectan en maior grao ás mulleres
X. Miguel, comprometido contigo
Para o tsunami laboral que se aveciña é necesario o sindicalismo sen ataduras, combativo, insubornábel, honesto, forte e útil que representa a CIG no BBVA
X. Miguel Fernández / Lugo
No ámbito laboral, o sector financeiro en xeral, e BBVA en particular, están a producir unha manchea de modificacións nos procesos de traballo que levan ao cadro de persoal unha lóxica preocupación e temor polo seu futuro inmediato. Aceleración da mutación a sistemas tecnolóxicos coa diminución da rede de oficinas para virar de cara a unha xestión remota da clientela; e, aproveitando a tensión laboral creada, incremento da presión inxustificábel na procura de acadar re-sultados comerciais que non se axeitan á realidade do mercado, moito menos á situación económica de empresas e familias.
A eficiencia de CIG / BBVA radica na súa absoluta independencia, actitude insubornábel e fidelidade exclusiva á causa laboral das e dos traballadores. Unha garantía de futuro, á hora de votar á representación sindical para enfrontarse ao futuro laboral que vén marcado por unha forte redución dos cadros de persoal, rede de oficinas e procesos de mutación á canles virtuais na organización do traballo bancario. Estas eleccións sindicais son determinantes no modelo de relacións laborais. Tempo de atinar na escolla da representación que debe afrontar o reto futuro. Momento de votar á CIG.
Coa condición legal de sindicato máis representativo xeral, a CIG é terceira forza na Mesa do Convenio Colectivo de Banca, calidade que só ostentan tamén dous dos sindicatos de ámbito estatal no sector, porén a incidencia do noso sindicato non se arreda diante dos retos que implican unha acción que vai para alén do territorio galego, todo o contrario. Saben ben diso na Audiencia Nacional coa nosa actuación en múltiples demandas ou conflitos colectivos gañados a favor da causa das e dos traballadores de BBVA. Eficacia dun modelo sindical próximo, comprometido contigo. A de votar CIG.
Luis, comprometido contigo
Votar CIG é optar polo sindicalismo máis combativo e próximo á problemática laboral que soportan as persoas do BBVA cada día no seu traballo
Luis F. Sabuz / Ourense
Unha das características polas que se distingue o traballo sindical de CIG no BBVA é pola constante e metódica práctica de visitar todos e cada un dos centros de traballo da rede de oficinas; e, deste xeito, manter un contacto directo con cada persoa do cadro de persoal.
É un labor teimoso que desenvolvemos con criterio unitario, atendendo á problemática das compañeiras ou compañeiros, do mesmo xeito que apostamos pola potenciación dos Comités de Empresa, organismo no que reside a representación legal colectiva, que neste período de mandato electoral que agora está en proceso de renovación, tivemos a honra de presidir, polo apoio maioritario, nos catro existentes dentro do ámbito galego do banco.
Deste xeito, exercemos un labor de máxima proximidade á realidade soportada por cada persoa no traballo cotiá que amosa un cadro de abuso sistemático pola presión desproporcionada á procura duns obxectivos de resultado comercial inmediato, non axeitados á realidade do mercado financeiro; con modos de dirección que por veces non respectan a mínima esixencia de boas prácticas, mesmo atentando á dignidade persoal, nunha dinámica na que a prolongación irregular da xornada laboral é parte xa do ADN
na xestión do banco. Por iso, en tempo electoral, é momento de apostar por este modelo de sindicalismo de máxima proximidade á xente que precisa diso.
Realizamos un labor de máxima proximidade á realidade soportada por cada persoa no traballo cotiá que amosa un cadro de abuso sistemático pola presión desproporcionada á procura duns obxectivos de resultado comercial inmediato, non axeitados á realidade do mercado
Cristina, comprometida contigo
A igualdade real de oportunidades pasa pola promoción paritaria e políticas efectivas de conciliación. Hai que derrubar o teito de cemento que bloquea a carreira da muller
Cristina Magariños / Pontevedra
Para as mulleres, máis da metade do cadro de persoal de BBVA, a paridade nas oportunidades á hora de acceder a funcións de responsabilidade non pasa de ser un enunciado virtual que fica na letra dun Plan de Igualdade que non se actualiza dende a súa aprobación fai oito anos. Chega con ver a composición dos diferentes niveis de dirección para ollar unha indiscutíbel constatación dese teito de cemento que frea a promoción, para alén dalgún caso que non vai máis alá da operación publicitaria para proxectar imaxe deformada do feito inxusto. Non é caso único na práctica da xestión de persoal, o capital humano do banco, que baixo o eufemismo de cultura e talento xoga a enfrontar un marco conceptual que está moi lonxe da práctica diaria. Sexa no proceso de exercicio dos estilos de dirección, moi lonxe en moitos casos das boas prácticas que asinamos no Código de Conduta; ben sexa na dinámica de avaliación ou catalogación das persoas, e na detección das habilidades (skills) que pola maraña do sistema e pola súa falta de negociación e posterior control coa representación sindical, non deixan de ser un instrumento máis de arbitrariedade; e, deste xeito, sumar máis desconfianza e frustración; moi lonxe do que precisa unha entidade do século XXI á hora de motivar, con transparencia e participación, nos tratamentos de carreira profesional. Para CIG / BBVA a igualdade é unha esixencia de máxima prioridade.
Para as mulleres, máis da metade do cadro de persoal de BBVA, a paridade nas oportunidades á hora de acceder a funcións de responsabilidade non pasa de ser un enunciado virtual
Participación
PARTICIPAR é intervir ou tomar parte en algo. Forma parte da candidatura de CIG en BBVA e promove activamente a súa listaxe nas Eleccións Sindicais 2019
Si, participar é tomar parte decisiva na xestión sindical que corresponde á totalidade das persoas afiliadas e seaeiras da CIG en BBVA.
Por iso, coa convocatoria en marcha das próximas Eleccións Sindicais, é necesario que todas e todos asumamos unha función, a máis activa que podamos achegar, no impulso da nosa candidatura electoral. A comezar, se é posíbel, formando parte da listaxe electoral como xeito persoal e visible de promoción. En todos os casos, contribuíndo colectivamente ao éxito no resultado final.Participar ten que ser, xa o é, un signo distintivo do sindicalismo que é marca de clase da CIG, caracterizado por esa acción de proximidade que representa o labor das e dos seus representantes nos comités, visitando de xeito continuado e periódico todos e cada un dos centros de traballo para estar directamente relacionados coa problemática laboral que afecta ao conxunto da súa afiliación; e, por extensión, á da totalidade das persoas que realizan o seu traballo na rede de oficinas do BBVA. Máis aínda, participar é imprescindíbel neste momento electoral que vén marcado pola problemática do sector financeiro e bancario sobre o que pende unha inminente ameza de diminución do seu capital humano; e dicir, do número de persoas e das condicións de traballo e salariais que teñen a ver co proceso de transformación á canles dixitais ou de atención remota nos que a oficina física tradicional semella ser un estorbo que as direccións queren eliminar coa evidente secuela negativa a respecto da promoción na carreira profesional.
Por iso é precisa a túa participación activa.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario