As organización empresariais CEOE/CEPYME e as centrais sindicais CC.OO e UGT veñen de asinar a nivel do Estado o III ACORDO PARA O EMPREGO E A NEGOCIACIÓN COLECTIVA, con vixencia para os anos 2015, 2016 e 2017.
O contido e os beneficiarios/as deste acordo quedan perfectamente definidos coa frase que utilizou o secretario xeral da UGT na presentación pública do mesmo: «Al final tocamos todos la misma melodía». Efectivamente, unha vez máis estas dúas centrais sindicais terminan tocando a melodía que lles impón a patronal.
Aspectos máis destacábeis do acordo:
Incremento salarial: Acéptase a postura da patronal, e do Goberno do PP, e decrétase a moderación salarial fixando un tope máximo de incremento do 1% para o ano 2015 e de 1'5% para 2016. Como dixo o representante da patronal CEPYME «o incremento salarial pactado vai do menos cero ao 1% para este ano e ao 1'5% para o ano que vén».
Se o IPC acumulado dos dous primeiros anos supera o 2'5% funcionaría unha cláusula de garantía salarial que sería proporcional ao incremento salarial pactado inicialmente, é dicir, canto menor sexa o incremento pactado menor será a porcentaxe de revisión dos salarios. Un auténtico despropósito.
E aceptan isto cando se sabe que os salarios retrocederon un 7'4% nestes anos e que a clase traballadora perdeu un 11% de capacidade adquisitiva, tal e como afirma a Axencia Tributaria, mentres os salarios dos executivos/as creceron un 150% e o beneficio das empresas un 13% neste mesmo período.
Xornada de traballo: Facilítase a implantación dunha ordenación flexíbel e irregular do tempo e da xornada de traballo, pola vía de aceptar que a patronal poida dispor libremente da distribución irregular do 10% da xornada anual ordinaria e mesmo dunha bolsa de horas anual para a súa libre utilización.
Flexibilidade das condicións laborais: Acéptanse e dáselles carta de normalidade aos mecanismos impostos polas sucesivas reformas laborais referidos a temas como inaplicación dos convenios, mobilidade funcional, modificación substancial das condicións de traballo, distribución irregular da xornada, etc.
Incapacidade laboral e absentismo: Pactan a necesidade de establecer mecanismos de xestión e control das baixas por IT, vinculando a «racionalización» dos actuais complementos de baixa por enfermidade ou accidente a este tema, o que indica que queren endurecer as condicións para poder acceder a estes complementos.
Sistema Complementario de Pensións: Comprométense a utilizar a negociación colectiva para favorecer a implantación e o medre dos recursos dos plans privados de pensións, para beneficio da banca e das propias centrais sindicais asinantes, que xa hoxe están metidas no negocio dos plans privados de pensións. Isto garda coherencia co pacto de pensións asinado co Goberno do PSOE no ano 2011 e que supuxo, entre outras cousas, incrementar a idade de xubilación aos 67 anos.
Estrutura dos convenios: Aceptan o retroceso que supuxo a reforma do PP en materia de negociación colectiva e polo tanto asumen como normal a prevalencia do convenio de empresa sobre o convenio de sector e os mecanismos de descolgue dos convenios por parte das empresas; mesmo se favorece a división dos convenios actuais pola vía de darlle carta de normalidade a asinar e rexistrar acordos sobre aspectos parciais do convenio ou novas unidades de negociación. En materia de ultraactividade aceptase tamén a regulación vixente.
En definitiva, estamos diante dun acordo no que hai moito de literatura, reprodución de textos legais, orientacións e recomendacións de cara ás negociacións, pero sobre todo, e isto é o máis grave, unha actitude entreguista e unha clara asunción por parte de CC.OO e UGT das reformas laborais do PP esixidas por esta mesma patronal que asina o acordo. Ao mesmo tempo, confírmase a nula disposición por parte destas dúas centrais sindicais a mobilizarse, dar a batalla e facerlle fronte ao enorme retroceso en dereitos e ao debilitamento sufrido pola clase traballadora nos últimos anos.
Non deixemos que maten a negociación colectiva. Non nos deixemos vencer.
Hoxe máis que nunca cómpre afiliarse, organizarse e loitar.
Acordo de contención salarial (CEOE-CC.OO-UGT) [.pdf • 12'7 MB]
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario