A Dirección de CC.OO nos sectores de Banca, Aforro, Centros de Chamadas e Oficinas, para defenderse dos escándalos destapados polo xornal El País (curiosamente despois das eleccións na banca), declarou que «esto sucede en todos os sindicatos». Pretendían xustificar o que consideramos inmoral, facendo ver que no sector é habitual o pago de sobresoldos a delegados/as liberados/as (que xa cobran o seu salario das empresas), que é habitual recibir subvencións multimillonarias das empresas ao tempo que asinaban Expedientes de Despedimentos e recortes nas condicións laborais, ou que son habituais os gastos en mariscadas e viaxes suntuosos.
Pensamos que corresponde a CC.OO dar explicacións ante os cadros de persoal das empresas e ante o conxunto da sociedade, pero dado que pretenden estender un manto de dúbida sobre outros sindicatos, queremos aclarar o seguinte sobre a actuación da CIG:
- Ningún delegado ou delegada da CIG cobrou sobresoldos. O noso traballo sindical é por compromiso persoal e militante. Ademais, en non poucos casos, ir en candidaturas da CIG provoca persecucións por parte das empresas. Os delegados e delegadas da CIG non buscan o beneficio persoal.
- A CIG non asinou ningún acordo que implique un maior salario ou mellor carreira profesional para os nosos delegados ou delegadas.
- Cando os delegados e delegadas da CIG visitamos centros de traballo ou cando nos reunimos, se comemos fóra, cada quen paga o seu xantar do seu peto.
- Sendo certo que as empresas teñen o deber legal de colaborar coa representación legal dos traballadores/as, non caben subvencións desmedidas, opacas e inxustificadas, e moito menos durante procesos de reestruturación. Asinar acordos que implican despedimentos e recortes salariais, ao tempo que se perciben subvencións millonarias das empresas, é totalmente inmoral e incluso pode ser sospeitoso.
- Para a CIG, a afiliación dos traballadores e das traballadoras debe ser a fonte de financiamento sindical, como garante da independencia na toma de decisións fronte as empresas.
Di o refrán que «pensa o ladrón que todos son da súa condición», pero non somos todos iguais.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario