Amosando publicacións coa etiqueta ética. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ética. Amosar todas as publicacións

24 de febreiro de 2015

Aclaracións ante as declaracións de CC.OO:
É falso que as prácticas inmorais sucedan en todos os sindicatos

A Dirección de CC.OO nos sectores de Banca, Aforro, Centros de Chamadas e Oficinas, para defenderse dos escándalos destapados polo (curiosamente despois das eleccións na banca), declarou que «esto sucede en todos os sindicatos». Pretendían xustificar o que consideramos inmoral, facendo ver que no sector é habitual o pago de sobresoldos a delegados/as liberados/as (que xa cobran o seu salario das empresas), que é habitual recibir subvencións multimillonarias das empresas ao tempo que asinaban Expedientes de Despedimentos e recortes nas condicións laborais, ou que son habituais os gastos en mariscadas e viaxes suntuosos.

Pensamos que corresponde a CC.OO dar explicacións ante os cadros de persoal das empresas e ante o conxunto da sociedade, pero dado que pretenden estender un manto de dúbida sobre outros sindicatos, queremos aclarar o seguinte sobre a actuación da CIG:

  1. Ningún delegado ou delegada da CIG cobrou sobresoldos. O noso traballo sindical é por compromiso persoal e militante. Ademais, en non poucos casos, ir en candidaturas da CIG provoca persecucións por parte das empresas. Os delegados e delegadas da CIG non buscan o beneficio persoal.
  2. A CIG non asinou ningún acordo que implique un maior salario ou mellor carreira profesional para os nosos delegados ou delegadas.
  3. Cando os delegados e delegadas da CIG visitamos centros de traballo ou cando nos reunimos, se comemos fóra, cada quen paga o seu xantar do seu peto.
  4. Sendo certo que as empresas teñen o deber legal de colaborar coa representación legal dos traballadores/as, non caben subvencións desmedidas, opacas e inxustificadas, e moito menos durante procesos de reestruturación. Asinar acordos que implican despedimentos e recortes salariais, ao tempo que se perciben subvencións millonarias das empresas, é totalmente inmoral e incluso pode ser sospeitoso.
  5. Para a CIG, a afiliación dos traballadores e das traballadoras debe ser a fonte de financiamento sindical, como garante da independencia na toma de decisións fronte as empresas.

12 de febreiro de 2015

Máis representativo grazas a ti

CIG / BBVA é o sindicato máis representativo, o máis votado e o que maior número de delegadas e delegados acadou entre as cinco organizacións que veñen de competir no proceso electoral dentro do territorio galego. Grazas ás compañeiras e compañeiros que nos outorgaron a súa confianza. É tempo de asumir a responsabilidade recibida.

30 de xaneiro de 2015

Unha voz sindical próxima: Cristina

Cristina / Vigo
Quen vai nunha candidatura da CIG non busca beneficio persoal. Queremos honestidade e honradez”

Cristina / Vigo

Que se propón, desde a CIG, para motivar á sindicación?

O sindicato é unha ferramenta fundamental para a mediación e defensa da persoa traballadora fronte ao banco. A posición de forza é ben distinta cando se actúa só ou co respaldo colectivo. Para debilitar esta condición favorable, desde o interese patronal promóvese a falsa imaxe de que «todos son iguais» para identificar o sindicalismo con lamentables casos de corrupción que afectan a outras organizacións.
Porén, a CIG é unha alternativa que se distingue pola honestidade e honradez da súa militancia. Aquí, quen vai nunha candidatura da CIG non busca beneficio persoal nin medrar na empresa. Faino por compromiso e vontade de servizo. Por iso, o noso modelo é de sindicalismo horizontal en permanente contacto coa xente. Somos a voz sindical máis próxima ás oficinas da rede.

Cales son os retos que asumirá a CIG?

A defensa do posto de traballo fronte a novas fusións, regulacións e peche de oficinas. Rematar coa práctica dos horarios abusivos. Conquistar salarios e beneficios que fagan xustiza ao que se fai. Promoción de carreira e traslados con obxectividade e transparencia. A plena igualdade real.