8 de febreiro de 2015

Eleccións sindicais: as nosas propostas

O 11 de febreiro celebramos eleccións sindicais e pedimos o teu apoio nas urnas para seguir traballando na defensa dos dereitos de todos e todas nós.

Eleccións sindicais: a forza da clase traballadora

Velaquí as loitas que afrontamos e as nosas liñas de actuación:

Defendemos a estabilidade no emprego e as condicións xustas de traballo:

  • Loitamos contra a reestruturación voraz, o peche de oficinas e a amortización de postos de traballo.
  • Recorremos á xustiza para o mantemento de postos de traballo estruturais.
  • Perseguimos a mellora das condicións laborais, nomeadamente, as dos colectivos máis sensibles.

Defendemos a igualdade:

  • Pelexaremos para conseguir unha cultura igualitaria en todos os ámbitos.
  • A conciliación e a promoción paritaria son esixencias inescusables.

Defendemos a xornada regulada e sen presións:

  • A conciliación real pasa por atallar as prologancións de xornada sen medida e as reunións fóra de hora.

Defendemos a saúde e a seguridade:

  • A avaliación e erradicación dos riscos psicosociais, entre outros, debe ser un obxectivo prioritario no BBVA.

Seguimos pelexando contra a sobrecarga de traballo e as presións:

  • Esiximos a redución da carga de traballo cunha dotación axeitada de persoal.
  • Loitamos contra as presións, os abusos e a arbitrariedade dos procesos de avaliación.

Somos a voz do cadro de persoal fronte ao BBVA, trasladando as vosas reivindicacións a través dos nosos comunicados, desde as oficinas e departamentos até os despachos.

  • Acudimos ano tras ano á Xunta de Accionistas en Bilbao para facernos oir.
  • Recorremos á Administración na procura de xustiza e atinximos resultados.

Somos a voz dun modelo sindical participativo e asembleario. Aquí contamos todos e todas.
Porque o noso único interese é o teu, esperamos contar co teu voto para ter a presenza necesaria e poder afrontar a próxima negociación do Convenio de Banca, o Plan de Igualdade e todos os retos que están por vir. Sempre na defensa dos vosos dereitos. Contades connosco!

Deféndete coa CIG

Todos son iguais, para que vou votar…


Para defender o teu posto de traballo

A reestruturación do sector financeiro demostrou que contar con Comités de Empresa con maioría da CIG é a única garantía fronte aos despedimentos colectivos ou individuais. Votar as candidaturas da CIG é defender o teu posto de traballo fronte a decisións inxustas. A CIG non asinou no sector financeiro ningún acordo que implicase despedimentos.

Para defender uns horarios racionais

Tanto o Convenio Colectivo da Banca como acordos a nivel de empresa, permiten ás Direccións impoñer uns horarios de traballo irracionais a través da extensión ilegal da xornada. Ademais, acaba de abrirse unha guerra de horarios no sector financeiro coa aceptación, por parte dos sindicatos estatais, da apertura polas tardes das oficinas nalgunhhas empresas. Votar as candidaturas da CIG é asegurarse poder contar cunha representación diposta a defender horarios racionais. A CIG non asinou ningún acordo para estender os horarios, nin para abrir as oficinas todas as tardes.

Para defender o teu salario

O que ti gañas merécelo: é froito do teu traballo e esforzo. Os recortes salariais que vivimos nos últimos anos, tanto a nivel de sector como de empresa, non son de recibo. As empresas cada vez nos esixen máis e pretenden pagar menos. Por iso, votar CIG é asegurarse poder contar cunha representación sindical que non acepta baixada de salarios. A CIG non asinou rebaixas salariais en ningunha Entidade.

Para defender o teu dereito a decidir

No sector avanza un modelo sindical que restrinxe o teu dereito a participar, onde as cúpulas profesionalizadas deciden por ti. Votar CIG asegura o teu dereito a ser consultado/a ante calquera decisión que te afecte, moito máis cando os postos de traballo ou as condicións laborais están en xogo. A CIG é un sindicato asembleario e participativo, onde ti tes a última palabra.

Para defender un modelo sindical honrado e honesto

A corrupción é hoxe un dos grandes problemas do Estado; no movemento sindical tamén se coñeceron casos graves de corrupción. Votar CIG asegura ter unha representación sindical honrada e honesta: quen vai nunha candidatura da CIG non busca o seu beneficio persoal nin medrar na empresa, faino por compromiso. A toma de decisións colectivas que practicamos na CIG é o maior antídoto contra a corrupción sindical.

Para defender a igualdade

As mulleres estamos cada vez máis presentes nas entidades, pero relegadas ao segundo plano. Os Plans de Igualdade asinados por outros no sector non garantiron a igualdade. Votar CIG é asegurarse unha representación que reclame a revisión e aplicación real dos Plans de Igualdade existentes ou a súa elaboración onde non os haxa.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Ningún comentario: