15 de marzo de 2013

Xunta Xeral de Accionistas 2013

Xunta xeral accionistas BBVA 2013
Esta foi a intervención do representante da sección sindical da CIG no BBVA, na Xunta xeral de Accionistas do 2013



O meu nome é Xosé Miguel Fernández Vázquez, son empregado e accionista de BBVA, e represento á Sección Sindical da Confederación Intersindical Galega (CIG) en BBVA, sindicato coa condición de máis representativo e primeira forza sindical en Galiza.

En primeiro lugar e con carácter previo á miña intervención un ano máis, esperando sexa o último, vémonos na obriga de protestar ante o trato discriminatorio que se lle dá ao idioma galego fronte a outros do Estado español na nosa entidade. Esiximos pois un compromiso por parte da Dirección.

Discriminadas están tamén as mulleres que traballan en BBVA. Sendo moi numerosas nos niveis máis baixos da escala, pola contra, están ausentes de niveis directivos e despachos. Non podemos desprezar todo este talento. Promovan medidas reais de igualdade e conciliación e aproveitemos todas as nosas capacidades. Todas e todos sumamos.

Entendan vostedes que se, como accionistas temos interese en que esta empresa sexa rendible, estea ben xestionada e que a súa imaxe de empresa moderna e comprometida coa sociedade sexa real e non só unha mera pantalla publicitaria, como traballadores e traballadoras estámolo moito máis, xa que supón o noso medio de vida e o das nosas familias.

O BBVA é hoxe o que é, grazas a que se beneficiou do proceso de privatización da antiga Banca Pública, Argentaria, no Estado, e aos procesos de privatización noutros países impulsados polos mesmos Organismos internacionais e Gobernos, que hoxe condenan aos pobos do Estado español e do sur de Europa a sufrir un modelo económico antisocial. Nese sentido consideramos que é necesario un novo modelo bancario ao servizo da clientela e das sociedades, respectuoso co emprego e as pequenas e medianas empresas, e que contribúa a rematar coa lacra do paro. O BBVA ten unha gran débeda social e debe ser o primeiro en promover ese novo modelo de banca que a sociedade pide a berros nas rúas.

Tras varios anos falando de crise e do agravamento desta, encontrámonos actualmente nun momento de verdadeiro drama social. BBVA non pode estar á marxe do que a sociedade demanda, non abonda só con parecer un banco socialmente responsable, debe selo.

Queremos neste foro criticar a conduta antisocial da Dirección do BBVA, que se decantou por posicionarse politicamente a favor dun Goberno e das medidas antisociais que este promove, aplaudindo dende a Reforma Laboral aos recortes dos dereitos sociais. Mal contribúen vostedes á propia acción comercial do banco, cando se posicionan publicamente a favor de medidas que foron rexeitadas pola maioría social.

Sempre se dixo que o maior ben que as empresas xeran para o conxunto da sociedade é o emprego, neste sentido fronte á competencia o BBVA debería destacarse como un banco comprometido co emprego, empezando polo propio, non queremos máis ERE no BBVA nin nas empresas adquiridas por este. Pero ademais non decidir que regrese ao Estado Español a carga de traballo deslocalizada a terceiros países polo BBVA, nun momento de emerxencia social polo crecemento do desemprego, é un insulto que inhabilita a Dirección da Entidade para dar leccións de patriotismo. Como tamén o é que siga operando en paraísos fiscais, aproveitándose diso para obter unha fiscalidade máis vantaxosa.

Pero queremos tamén un banco comprometido cun novo xeito de facer as cousas, demos á clientela o servizo que demanda, cun modelo ético e sostible, non sigamos con políticas comerciais baseadas en colocarlle produtos que non desexa, a base de acosar e presionar aos traballadores e traballadoras da Entidade. Esas políticas comerciais caducas da banca estouparon con graves consecuencias para algunhas entidades. Bancos internacionais anunciaron unha revisión global das súas políticas comerciais, o BBVA xa quedou atrás. Innovemos, non adopten unha actitude conservadora ou a sociedade pasaranos por enriba.

E dentro dese novo modelo de banca do que o BBVA pode ser a insignia se hai un cambio de 180°, queremos un banco que aposte pola paz como valor. É criticable e eticamente reprobable a vinculación coa violencia armada, sendo o banco español que máis negocio fai coa industria armamentística, porque tan responsable é dunha morte o que a executa como o que a promove. Onde está o límite moral para conseguir beneficios?

Fronte a ese modelo de banca que vostedes dirixen, que cada vez recibe un maior número de críticas por parte da sociedade, críticas que non distinguen entre banqueiros e bancarios, entre vostedes e nós; e que sufrimos en maior medida os bancarios e bancarias que somos a cara visible da Entidade, nós situámonos do lado da sociedade e dicimos basta.

Nembargante, hoxe nesta Xunta tratarán de aprobar renovacións de cargos no Consello por varios anos para catro dos seus membros, incluídos o Presidente e o Conselleiro Delegado, mentres aumenta o número de despedimentos por unha política disciplinaria cada vez máis daniña e inxusta. E tratarán de aprobar tamén o mantemento de indecentes retribucións para Conselleiros e Directivos, mentres o resto de traballadores e traballadoras do BBVA levamos anos con salarios conxelados.

Estas son as nosas razóns para afirmar que o Consello de Administración non está a levar a cabo unha xestión responsable e cremos que, ou renova as súas formulacións, ou debe permitir que a Dirección recaia noutras persoas cunha visión diferente que fagan de BBVA unha gran empresa por dentro e por fóra.

Por último: escoiten o clamor popular contra os desafiuzamentos, que condenan á marxinalidade e exclusión social a centos de miles de familias honradas e traballadoras. É sinxelamente insultante botar á xente das súas casas por non poder facer fronte aos pagamentos da súa hipoteca, manténdolles unha débeda que os condenará de por vida e, á súa vez, ofrecer unha ínfima axuda económica durante dous anos a esas mesmas familias. Comprométase, Sr. Presidente, en BBVA nin un desafiuzamento máis. Fronte a estas dramáticas situacións; menos caridade humillante, acepten a dación en pagamento con aluguer social.

Moitas grazas pola súa atención.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 130314 [.pdf • 31 Kb]


Ningún comentario: