14 de marzo de 2011

Intervención na xunta xeral de accionistas 2011

A nosa compañeira, Teresa Richard, interveu en nome da nosa Sección Sindical na Xunta Xeral de Accionistas do Banco Bilbao Vizcaya Argentaria de BBVA que se celebrou o día 11 de marzo en Bilbao, coma xa fixera en anos pasados. Deste xeito trasladamos as vosas reivindicacións e preocupacións directamente ao Consello de Administración do Banco.

Salientamos como a política do actual Consello de Administración segue a reducir gastos a costa de empeorar as condicións de traballo,
Teresa Richard nun momento da súa intervención
Teresa Richard nun momento da súa intervención
 e perdendo clientela na nosa cota de mercado, aínda que aproba políticas de endebedamento para expandirse sen medida. Iso si, sempre haberá unha dotación de reservas para incentivar ao grupo directivo.

O Presidente, nun discurso cheo de abstraccións e baleiro, anunciou unha gran inversión en plataformas informáticas, encamiñadas a maximizar a automatización, e defendeu a súa xestión culpando do pésimo valor da acción e dos máis que discutibles resultados no Estado e en Portugal, á perda de confianza no sistema financeiro do Estado español. Haberá que ver se ditos argumentos tamén teñen peso nas nosas avaliacións e no novo modelo de incentivación, pero non o esperamos.


Na súa resposta á nosa intervención, Francisco González dixo non entender os nosos argumentos, polo que lle gustaría falar coa nosa representante para que llos explicara. Tamén comparou a BBVA e ás súas renovacións de plataformas informáticas cun tráiler que non pode parar, pero esta comparanza dá para maior desenvolvemento, polo que lle dedicaremos un comunicado específico. Esperamos que a entrevista para darlle ao presidente as explicacións pedidas non quede nun falar, e podamos achegar posturas.

A continuación reproducimos o texto íntegro da nosa intervención, do que temos a completa seguridade de que vós si o ides entender.


Intervención na Xunta de Accionistas


Señoras e señores accionistas, membros do Consello, Presidente e demais asistentes a esta Xunta, bos días.

O meu nome é Teresa Richard, son empregada e accionista de BBVA, e represento á Sección Sindical da Confederación Intersindical Galega no BBVA, sindicato de representación maioritaria en Galiza. Como cada ano, temos que reiterar a nosa protesta diante do trato discriminatorio que se lle dá ao idioma galego fronte a outros do Estado español.

Pola nosa dobre condición de accionistas e traballadores/as temos un coñecemento directo e real de como se están desenvolvendo as políticas executivas deste Consello de Administración. Comprenderán vostedes que, como sempre remarcamos, e moito máis nestes tempos de crise económica, somos o colectivo máis interesado en que a empresa sexa rendible, estea ben xestionada e que a súa imaxe de empresa moderna e comprometida sexa algo máis que unha mera pantalla mediática.

Sen embargo, un ano máis, temos que intervir nesta reunión para chamar a súa atención sobre o contido dos puntos a aprobar nesta Xunta e expoñer as razóns que nos levan a censurar a xestión do actual Consello de Administración, e tratar de convencer ao accionariado aquí presente de que lle retire a súa confianza e apoio.
  • Aínda en crise, tres puntos da orde do día aproban substanciosos repartos de accións para os Conselleiros e directivos do BBVA, en concepto de incentivo. E é que ao noso entender o esforzo no BBVA se retribúe de modo inxusto: os accionistas están a soportar o continuo deterioro do valor das accións e o persoal da rede sufre de modo directo o impacto da crise, e non é compensado adecuadamente agora nin cando a empresa multiplicaba beneficios de forma espectacular.
  • Aínda en crise, o BBVA opta por emitir instrumentos de débeda por inxentes cantidades e autorizar ampliacións de capital para os próximos 5 anos, dous neste 2011, aumentando enormemente o noso endebedamento e reducindo as nosas reservas e o valor da acción. Entendemos que se trata de políticas de alto risco que non podemos aprobar. Quen se beneficia destas decisións?

    Polo pronto, a nosa cota de mercado descendeu un terzo dende que tivo lugar a fusión e, ao parecer, a nova estratexia do Consello vai ser comprar cota de mercado, iso si, pagando os accionistas. Ademais, todo isto se logra a costa do persoal, ao que no lle pagan horas extras nin se lle compensa cando se lle esixe un esforzo extraordinario para completar unha campaña, como ocorreu coa ampliación de capital de 2010.
  • Aínda en crise, o BBVA pode financiar a liga de fútbol ou a NBA, sen embargo carece de fondos para regalar o tradicional almanaque á clientela, para dotar á rede de medios efectivos que non fallen continuamente, para remunerar ao persoal pola cesión dos seus dereitos de imaxe para a marca, ou peor aínda, para manter os contratos de mantemento dos equipos das oficinas, incluso os de aire acondicionado, co risco que iso supón para a saúde de persoal e clientela.
  • Entrementres, e aínda en crise, BBVA segue levando traballo fóra do Estado español e traballo de banca a empresas que contratan en precario, afectando sen dúbida á calidade do servizo.
A presión desmedida, os horarios interminables, os obxectivos desorbitados e a desproporción nos incentivos no BBVA, seguen minando a moral do persoal, que é quen fai realidade os acordos aquí adoptados e as decisións do Consello, comezando pola maioría obtida nesta Xunta, xa que é o persoal do BBVA quen consegue as delegacións de voto necesarias para manter ao actual Consello en activo, ao ordenárselle unha campaña feroz. Ao Consello non lle interesa a opinión do accionariado, senón continuar enriquecéndose coa súa liña de xestión.

Esperamos que neste foro atopemos persoas cunha visión diferente que queiran converter ao BBVA de novo nunha gran empresa por dentro e por fóra, xa que, non será por non intentalo, pero do actual Consello xa non o esperamos.

Moitas grazas pola súa atención.

Bilbao, 11 de marzo 2011




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 110311 [.pdf • 186 Kb]


Ningún comentario: