16 de marzo de 2009

Intervención da CIG na xunta xeral de accionistas do BBVA 2009

O pasado 13 de marzo tivo lugar en Bilbao a Xunta Xeral de Accionistas do Banco Bilbao Vizcaya Argentaria do Banco Bilbao Vizcaya Argentaria. Como en ocasións anteriores, a nosa delegada, , nomeada portavoz da Sección Sindical, fixo unha intervención para trasladar ao Consello de Administración e ao accionariado do banco as preocupacións e reivindicacións dos traballadores e traballadoras do banco.

Denunciamos na Xunta a reconversión do banco, a exteriorización de servizos a outros países e a destrución de emprego no Estado español.

Como sabedes, a empresa leva dende 2007 desenvolvendo os proxectos Velázquez e Clima, cos que destrúen emprego, 2.000 postos de traballo menos no 2008 en todo o Estado español e coa previsión da redución de outros tantos para 2009 e, ao tempo, subcontratan servizos en empresas do grupo con peores condicións como OP Plus, tanto en Málaga como noutros países como Perú e Arxentina e sempre a costa da calidade do servizo.

Dende a CIG denunciamos este plan dende o principio, levamos a cabo unha campaña de oposición con contactos coa Consellería de Traballo, denuncias na Inspección, comunicacións aos medios e mobilizacións en 2008. Hoxe a gravidade da súa aplicación aumenta pola situación de crise que estamos a vivir, polo que estudaremos novas medidas a tomar.

A este problema, que centrou as nosas reivindicacións para esta edición da Xunta, engadimos a aprobación do abono das remuneracións extraordinarias para a cúpula directiva polos anos 2006-2008, e dun novo plan de incentivos para 2009-2010. O BBVA segue tendo cartos dabondo para uns poucos mentres sobra persoal en tempo de crise...

Outros problemas, xa históricos, seguen sen solución: falla de información, desigualdade, escaseza de persoal, presión comercial, prolongación ilegal da xornada, etc.

Tamén fixemos referencia á situación do idioma galego no banco, que segue recibindo un trato discriminatorio con respecto a outros idiomas cooficiais.

Con esta exposición na Xunta, esta Sección Sindical quixo informar ao conxunto de accionistas, a quen lexitimamente pertence o BBVA, dos problemas reais que están a xerar as políticas desenvolvidas polo actual Consello de Administración e que estamos a sufrir día a día nas oficinas, co ánimo de atopar solucións axeitadas.
Deseguido reproducimos o texto íntegro da intervención:



Intervención da representante da CIG na Xunta

Señoras e Señores accionistas, membros do Consello, Presidente e demais asistentes a esta Xunta, bos días.
O meu nome é Mª Teresa Richard Marcial, son empregada e accionista do BBVA e falo no nome da Sección Sindical do BBVA da Confederación Intersindical Galega, sindicato de representación maioritaria do BBVA en Galiza, aínda que non se aprecie, dado o trato discriminatorio que se lle dá ao galego fronte a outros idiomas cooficiais.
O panorama co que abordamos esta intervención é moi distinto ao de edicións anteriores:
· Coa economía global e a local en crise, o beneficio neto atribuíble do BBVA foi de 5.020 millóns de euros en 2008, un 18,1% menos que no exercicio anterior, pese a que a valoración que fai o noso presidente é que o BBVA é un dos bancos con maior beneficio a nivel mundial. Beneficio si, pero para quen?
Ao tempo que o BBVA publica que a súa alta dirección terá un incremento cero na súa retribución de cara ao 2009, o que parece unha medida consecuente coa situación de crise, o noso presidente desvela, por obrigación, o seu soldo que, aínda asociado a uns beneficios en descenso, ascende a 16 millóns de euros, e iso sen contar coas accións que, xunto a outros tantos executivos, se repartirá por manter un dividendo alto e atractivo para o/a accionista, se é que se aproba o punto octavo da orde do día. ¿Seguirán mantendo o mesmo dividendo unha vez que se enchan os petos? Non cremos que o fagan, nin que aumenten as nóminas do persoal máis que no mínimo legal, pero si aprobarán outra quenda de incentivo só para eles para o próximo bienio.
· O BBVA afirma afrontar 2009 "cunha folgada posición de liquidez e unha adecuada solvencia", pero despois de afirmar que non tiña ningún crédito subprime, tivo que declarar á SEC (o equivalente estadounidense da nosa CNMV), que tiña case 500 millóns de euros en créditos “cunha solvencia que caeu por baixo do nivel subprime” e unha exposición indirecta a produtos de renda fixa baseados en hipotecas subprime por 26 millóns de euros. As políticas de colocar produtos a toda costa en anos anteriores, están traendo como consecuencia o aumento da morosidade e a diminución da taxa de cobertura, de un 272,8% en 2006 a un 91% en 2008, o que supón unha ameaza directa á conta de resultados. Ademais, o banco reduciu en nada menos que 2.000 persoas o seu cadro de persoal no Estado español en 2008, e pensa reducilo outro tanto neste.
Mentres, subcontrata servizos e, o que é peor, exterioriza departamentos enteiros, dentro e fóra do Estado (Arxentina, Perú...), en plena crise e a costa da calidade no servizo e da sobreexplotación do persoal, ese que non recibiu paga extraordinaria de beneficios ningún dos anos en que os beneficios foron fabulosos, e agora verá como hai que apertarse o cinto aínda que aumente a presión e a conciliación só exista nos titulares de prensa.
· Podemos ver, como o compromiso de BBVA coa Responsabilidade Social Corporativa sigue sendo tan só unha pantalla publicitaria:
Recibe axudas públicas e, a cambio, aporta á sociedade maiores cifras de desemprego aquí para contratar en peores condicións a persoal menos cualificado noutros países por menos diñeiro.
Continúa financiando proxectos relacionados coa venda de armas ou o deterioro do Medio Ambiente.
Segue sen Plan de Igualdade, a pesares de que llo esixe a Lei e presume de ser pioneiro e modélico nese campo.
· A nosa Sección Sindical, representa ás persoas que traballamos no BBVA, e que tamén, nunha alta porcentaxe, somos accionistas.
Temos, dende a nosa posición, como é lóxico, o máximo interese en que a empresa funcione e sexa rendible, pero cremos que non é aceptable conseguilo a calquera prezo e que algunhas das políticas que se están desenvolvendo poden causar un efecto nefasto.
Temos tamén un coñecemento distinto, máis próximo, que o do resto do accionariado do que ofrecemos e do esforzo humano que supón a obtención de beneficios. E como non queremos que desapareza, temos a responsabilidade de informarlles, xa que o BBVA, como viñemos denunciando nos últimos anos non informa como debería, o que xera desconfianza, segundo din, orixe das crises.
Problemas xa antigos como son a presión, escaseza de persoal, desigualdade, falla de información, etc., están agravándose no canto de entrar en vías de solución.
Comprendemos que a parte dos/as accionistas só lles interese a empresa como mera inversión, aínda que temos a seguridade de que haberá algún sector no que as nosas palabras non caian en saco roto. Aínda así, incluso as persoas que só buscan o beneficio económico, son conscientes de que a súa futura ganancia está directamente relacionada coa xestión do BBVA, e queremos traballar para que mellore, e cambiar as políticas que entendemos que á larga traerán máis prexuízos que satisfaccións, polo que esperamos que tanto o Consello como o conxunto do accionariado teñan en conta as nosas palabras, nos apoien e conten con que poden contactar con nós para compartir información e cooperar na obtención de solucións oportunas.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]






Ningún comentario: