18 de agosto de 2008

Obxectivo: Sobrevivir en agosto

Os xefazos poden marchar tranquilos de vacacións porque publicados os resultados do primeiro semestre, BBVA segue a gañar cartos. De feito 2.928 millóns de euros, o que supón un incremento de 11,6 %, sobre o mesmo período do ano anterior... Qué farán cando pinten bastos!

Entrementres, o tradicionalmente “tranquilo” mes de agosto pódese converter para toda aquela persoa que quede na oficina no pesadelo dun mes de verán.

Moitas oficinas pechan as súas portas e o persoal marcha co petate a outra sucursal. Como xa vos anunciamos, preguntamos en repetidas ocasións á empresa como se ían solucionar os moitos problemas que afectarían ao traballo diario, e como son temas de “organización”, pois non nolo quixeron dicir, pero seica anda por aí un manual de procedemento no que sinalan aspectos que prometen dar máis dunha dor de cabeza a quen non marche:

• O peche de oficinas ten como obxectivo primordial a mellora na calidade de servizo ao cliente, que vai estar moito mellor atendido, claro está, se a súa oficina está pechada.

• Ademais así se contratan menos ETT e os/as que quedan teñen máis experiencia. Isto sería certo se non fora porque en moitas oficinas levan concatenando contratacións temporais durante máis de un ano, e é unha protesta xeneralizada que a maioría das substitucións son con xente sen experiencia, porque moitos dos e das que xa saben teñen esgotados os seus prazos legais.

Conste, e vaia por diante, que acompañamos no sentimento aos rapaces e rapazas que non teñen culpa ningunha de non ter experiencia e lles están a caer de todos os lados.

• Os cadros de vacacións, que este ano a máis dun lle andaron detrás para que o cambiara, para o ano que vén, quererán facelos contando con todo o persoal da CBC, limitando polo tanto as opcións de cada un e querendo sortear a legalidade vixente. Pero con este sistema van eliminar “tensións” disque.

• Só ao final desta breve pero intensa exposición de motivos admiten que andan tras da EFICIENCIA: E dicir, a redución de custes,... pero non é que sexa o obxectivo principal...debe ser un efecto colateral.

• O persoal responsable das CBC vai estar encantado coas visitas semanais ás oficinas pechadas, a disposición da Empresa de Transporte de Fondos cada vez que pidan cartos para os caixeiros, xa que terá que ir con eles para cargar, arquear, comprobar consumibles... e que non xurda ningún problema. ¿Quen quedará facendo o traballo diario?

• Tamén disque van trasladar cartóns de firmas, tarxetas de crédito, talonarios e correspondencia retida e devolta. E claro, o que non di é:

o ¿Quen traslada a documentación? Lembrade que non estamos deseñados para a carga de pesos.

o ¿Cando a trasladan? Lembrade o voso horario laboral.

o ¿Onde a van meter? ¿É que non aprenderon despois das exitosas ubicacións dos equipos de administración das CBC que cando non hai máis espazo, non caben máis cousas? ¿É que xa se esqueceron, outra vez, da prevención de riscos laborais?

o ¿Qué pasará cando o que se teña que consultar sexa nun expediente? Que a ninguén se lle ocorra ir á oficina pechada a por el, non sexa que teñamos un disgusto.

• E logo está o premio: A contratación de produtos por uns ou por outros, para o que supoñemos que habilitarán a aplicación USSV para todo o persoal desprazado e receptor, e contarán coa boa fe e o bo roio da xente, porque o que é con protocolos de actuación clariños, clariños...pouco, pero xa veremos como se reflicte nas avaliacións.

E o aire acondicionado a todo meter, que nunca está a gusto de todo o mundo e que se acatarra un.

E todo o que poida xurdir sobre a marcha que esperamos que nos contedes.
Nos espera un mes de agosto moi, moi galego: Nin un día sen festa.

Andádevos con ollo, que a cúpula volverá descansada en setembro e o máis probable e que nós esteamos derreados/as.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]






Ningún comentario: