O pasado 27 de maio tivo lugar en Madrid unha reunión entre representantes da nosa Sección Sindical e responsables de Relacións Laborais de BBVA.
Alí puidemos expoñer a postura de rexeitamento que amosamos contra o PEIT por:
EXTERNALIZAR servizos de banca a empresas non bancarias e incluso fóra do Estado.
PRECARIZAR o emprego ao usar condicións laborais peores que as do Convenio de Banca.
Neste senso as posturas son totalmente opostas entre a empresa e a nosa Sección Sindical.
Respecto da implantación do Proxecto CLIMA, queixámonos do xeito en que foi transmitida a información, que deixou sen capacidade de reacción a moita xente e a outra desinformada, e sen coñecer a súa posición ou o seu futuro durante días.
A empresa xustifica estes feitos baseándose no momento histórico de recesión que estamos a vivir, xa que de pronto viron o momento perfecto para unha reorganización desta magnitude aínda que, segundo o que sabemos, os obxectivos non se reduciron e o anuncio da empresa de mellorar o seu ratio de eficiencia até un 35 % en tres anos, segue en vigor…
A empresa insiste en que o CLIMA persegue o achegamento da rede comercial ao cliente sen segundas intencións, pero Como melloramos enormemente o ratio de eficiencia en tempo de crise? Parece que a redución de custes é o camiño máis doado… e xa sabemos que «un dos maiores custes é o de persoal».
Respecto da xente que tardou días en saber que ía ser dela, contestan que non foron quen de falar con todo o mundo en tan pouco tempo (conste que o que BBVA dá como escusa é precisamente o que nós cremos que está mal e ignora transparencia, comunicación ou posibilidade de conciliación) e que a información consta sempre no espacio, aínda que recoñecen o dereito de cada un de solicitar por escrito calquera cambio ou modificación nas súas condicións: Tomade boa nota, pedide sempre por escrito, e contade coa nosa axuda para o que poida facer falla…
Outra das queixas que lle transmitimos foi a falla de información e formación sobre as novas obrigas dos postos, en especial os de Xestor Operativo, que deben facer labores antes reservadas a JGAC ou JGO quen as realizaban na súa condición de persoas apoderadas, e para compensalo, pedimos un complemento na nómina: como segundo nos comentan, o obxectivo non é reducir custes, seguro que o consideran Non si?
A súa resposta é que dada a rapidez coa que se fixeron os cambios é normal que existan distorsións e que temos que estar ledos do ben que están a saír as cousas. É lóxico, xa que os defectos na implantación estanse a suplir a base de esforzo e horas extra sen remuneración. Igual chegou o momento de reflexionar sobre isto.
Noutra orde de cousas e para rematar cos rumores, sabede que nos aseguraron, aínda que non por escrito, claro:
Que o posto de director de oficina dependente NON VAI DESAPARECER.
Que o servizo de caixa NON VAI SER EXTERNALIZADO.
Que o desaparecido complemento funcional na nómina de JGAC e JGO foi compensado no CVP, xa que para este ano teñen o compromiso de non provocar perdas salariais coas desaparicións de funcións, e que houbo algunha incidencia pero está solucionada.
Que é posible que algunhas oficinas pechen en AGOSTO pero está sen determinar cales.
Que Banca Comercial está estudando a conveniencia de manter ou non a decisión de deixar a mesa redonda no despacho de dirección ao ser inoperativa sen terminal. Se tedes novas de que algunha destas informacións non é correcta, por favor comunicade axiña con nós para que lle busquemos solución.
Pola nosa parte imos continuar visitando oficinas, tentando con todos os medios ao noso alcance, acadar a máxima información posible para vola transmitir, e loitando para que non perdamos máis dereitos.
Pregámosvos a todos e todas que vos concienciedes da importancia que ten e que terá nun futuro o cambio de estrutura que estamos a vivir, e que contactedes con nós ante calquera problema, distorsión ou dúbida que se vos plantexe.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario