25 de novembro de 2026

25 de novembro: Contra o empobrecemento das mulleres e a violencia institucional

No BBVA, a IGUALDADE non pode ser só PROPAGANDA

Este 25 de novembro conmemoramos o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres baixo o lema «Contra o empobrecemento das mulleres e a violencia institucional». Desde a Sección Sindical da CIG no BBVA queremos lembrar que combater a violencia machista esixe garantir que todas as mulleres teñan un salario digno, estabilidade laboral e recursos suficientes para decidir libremente sobre as súas vidas.

Pero a realidade que vivimos a diario nos centros de traballo de BBVA dista moito do discurso oficial. O último exemplo foi o webinario do pasado 12 de novembro baixo o título «Benestar masculino en equilibrio: da carga mental á corresponsabilidade». Esta sesión xerou un profundo malestar e indignación entre moitas compañeiras, que se sentiron ofendidas ao comprobar o foco no benestar masculino, mentres se ignora e invisibiliza o enorme sacrificio que aínda hoxe supón desenvolver unha carreira profesional para as mulleres nesta Entidade. Este foi o seu sentir.

Resulta imposible falar de corresponsabilidade real cando a política de promoción do banco segue esixindo unha dispoñibilidade xeográfica absoluta sen ter en conta as necesidades de conciliación das persoas traballadoras. En BBVA, o sacrificio persoal e familiar continúa a ser a pedra de toque obrigada para calquera muller que aspire a medrar profesionalmente.

Fronte ao lavado de cara corporativo, os feitos demostran unha alarmante falta de rigor e transparencia en materia de igualdade:

  • Un Plan de Igualdade caducado na práctica e recortado. O Plan de Igualdade presenta unha diagnose retributiva prescrita e «defunta» desde xaneiro de 2026, sen que a dirección abrise a mesa de RR.LL para a súa necesaria revisión.
  • Opacidade total sobre a fenda salarial. A día de hoxe descoñecemos cal é a fenda salarial real no banco. O rexistro retributivo preséntase nun formato que impide analizar con rigor as diferenzas salariais entre homes e mulleres, ocultando a desigualdade estrutural nos niveis de maior responsabilidade.
  • Penalización ás reducións de xornada. É unha auténtica vergoña que o banco afirme que axusta os obxectivos comerciais das persoas con redución de xornada cando a realidade amosa xusto o contrario. As mulleres acollidas a este dereito seguen soportando exactamente a mesma carga de traballo que o resto de compañeiros e compañeiras pero en menos tempo, e co salario reducido proporcionalmente. Isto tradúcese en máis presión, máis estrés, peor comparativa profesional e un empobrecemento directo por coidar.

Ante este escenario de incumprimentos reiterados e mercadotecnia baleira, cabe facerse unha pregunta directa: de verdade ao BBVA impórtalle a igualdade?

A igualdade constrúese con salarios xustos, transparencia retributiva, axuste real das cargas de traballo e respecto efectivo aos dereitos de conciliación. Os nosos dereitos non son un gasto.

Este 25 de novembro, alzamos a voz dentro e fóra dos centros de traballo para esixir FEITOS e non PROPAGANDA.

Mobilízate polos teu dereitos!

Mobilizacións 25N



➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]





Comunicado 261125 [.pdf • 922 kB]

Díptico 25N 2026 [.pdf • 1 MB]



Ningún comentario: