4 de novembro de 2026

Fronte a arbitrariedade e a opacidade, O banco ten que dar explicacións

Fronte a arbitrariedade e a opacidade, O banco ten que dar explicacións

Nos últimos días estamos a asistir cunha fonda preocupación ao resultado da proliferación de controis, «catas» e á apertura de expedientes disciplinarios, relacionados coa implantación do novo protocolo de escoitas na Zona Contigo. Desde a CIG témolo moi claro: sempre imos defender o traballo ben feito, mais as formas e a transparencia importan tanto como o fondo. E isto semella unha cacería.

A dirección non pode utilizar a ambigüidade como ferramenta de presión nin deixar ao persoal nunha situación de indefensión xurídica e laboral. Por iso xa exiximos formalmente ao banco que aclare de inmediato as seguintes catro cuestións fundamentais:

  1. Fallo de comunicación do novo protocolo. O banco ten que aclarar e xustificar detalladamente como foi trasladada e explicada ao persoal a información relativa a este novo protocolo, xa que o impacto actual non corresponde a unha implantación ben informada.
  2. As catas de xuño. Queremos saber exactamente como e porqué se lle comunicou ao persoal que as catas do mes de xuño eran simplemente «de proba» e que non afectarían aos incentivos, cando a partir dese mes, xa lles saíu do peto.
  3. Arbitrariedade nos criterios disciplinarios. O banco debe explicar que criterio obxectivo adopta para decidir que unha conduta sexa cualificada simplemente como unha «cata negativa», mentres que outra conduta similar deriva na apertura dun expediente disciplinario que pode ter como consecuencia sancións por faltas graves ou moi graves. Non imos tolerar dobres varas de medir nin decisións «a dedo».
  4. Opacidade no volume de sancións. Solicitamos formalmente o resultado e o número total de catas negativas e expedientes que se están a tramitar e facer chegar aos compañeiros e compañeiras, para poder avaliar con datos reais a gravidade e o alcance do que está a suceder.

Todo isto, nun contexto de incremento substancial de obxectivos de vendas de seguros en Banca Comercial, beneficios estratosféricos e baixada significativa no cobro de incentivos. Hoxe afecta á Zona Contigo, pero mañá será noutra. Isto non é un problema illado dun departamento ou dun perfil concreto; é unha estratexia que ameaza os dereitos de todas e todos, se permitimos que se implanten dinámicas sancionadoras sen criterios claros nin obxectivos. Exiximos respecto ás persoas e a fin das políticas da persecución e do medo.

Mentres tanto, recomendámosvos que cumprades escrupulosamente a normativa e os protocolos de venta (seguros…). O menor dos males pode ser non cobrar a retribución variábel.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!






Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   http://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       http://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 261104 [.pdf · 279 kB]



Ningún comentario: