Atravesamos unha crítica situación económica e social que semella non ter remate. Vivimos unha grave carestía da vida, xa presente antes da guerra pero agravada desde o seu inicio, e que está acelerando o aumento da pobreza da clase traballadora.
A inflación non para de subir, os prezos da electricidade e dos combustíbeis non baixan e moitos produtos de primeira necesidade están a prezos desorbitados.
Confírmanse —como xa advertiramos no seu día— a insuficiencia das medidas do chamado Plan de Resposta Económica á Guerra e as graves consecuencias das nulas actuacións do Goberno galego, ás que se suma a aprobación dun duro paquete de reformas para satisfacer as inxustas e fortes exixencias da UE e poder acceder a uns envelenados fondos europeos que nos están a hipotecar para o futuro.
Responder a unha situación como a que temos manténdose na disciplina neoliberal, fai aumentar a desigualdade social e a pobreza no conxunto da sociedade, ao tempo que hai máis acumulación de riqueza en menos mans, axudando así a crear as condicións para que a dereita e o fascismo medren.
Cómpre reaccionar e dar resposta, como a CIG vén facendo desde hai meses, fronte a quen pretende que a clase traballadora galega sexa quen pague, máis unha vez, esta nova crise, como pasou coas crises anteriores.
Non temos alternativa, temos que xerar dinámicas mobilizadoras máis intensas e máis extensas para facer fronte a esta situación.
Estamos chamados e chamadas ao conflito ante a patronal, na negociación colectiva, e ante os Gobernos galego e central, para que nos próximos orzamentos se aproben medidas de intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos (financeiro, enerxético, etc.). Un verdadeiro Plan de Choque urxente para frear os efectos devastadores dos altos prezos e para afrontar unha saída galega xusta da crise.
Estas 10 medidas urxentes que reclamamos dende a CIG, reafirman o paquete de propostas para a recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno na nosa terra que a central nacionalista formulou no seu momento e trasladoulle ao Goberno español, á Xunta de Galiza e aos grupos parlamentares. Pódese consultar o documento íntegro na seguinte páxina: https://i.gal/propostasCIG
Tamén dan continuidade ás medidas que a CIG xa propuxo o pasado mes de marzo diante do incremento da carestía da vida e as consecuencias da guerra, documento que podes consultar na páxina: https://i.gal/propostascarestia
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario